Ad Code

Ad Code

O Colexio de Xornalistas de Galicia apoia a campaña en defensa do Xornalismo impreso

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia saúda a iniciativa da FIP e Uni Global Union para salvar a prensa escrita. Sen esquecer que o xornalismo audiovisual e dixital precisan tamén de apoio, o CPXG quere facer súas as reivindicacións destas dúas organizacións para garantir o futuro do xornalismo en papel.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia apoia a campaña posta en marcha pola Federación Internacional de Xornalistas (FIP) e a coalición de sindicatos Uni Global Union para garantir o futuro do xornalismo impreso.

A iniciativa da FIP e Uni Global Union fai un chamamento aos distintos gobernos para adoptaren paquetes de rescate de emerxencia para a industria da prensa escrita, así como para introduciren un imposto sobre os servizos dixitais ofrecidos por xigantes tecnológicos, que acaparan na rede os ingresos por publicidade dos medios de comunicación. As medidas propostas están resumidas no documento Paquete de rescate e supervivencia futura para a industria da prensa escrita.

Desde o Colexio de Xornalistas de Galicia tense alertado en numerosas ocasións sobre a difícil situación do xornalismo impreso, que se viu agravada nos últimos tempos ante a incidencia da crise sanitaria. Recentemente, ademais, a Rede de Colexios de Xornalistas solicitaba axudas directas para as empresas informativas na liña do proposto pola FIP e Uni Global Union. Por todo isto, o CPXG saúda a iniciativa destas dúas federacións de sindicatos e fai súas as peticións da campaña para salvar a prensa en papel, sen prexuízo, evidentemente, de todas as medidas que se poidan reclamar ou tomar para defender o xornalismo dixital ou audiovisual.