Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

A coprodución franco-chinesa ‘Fleur de pavot’ gaña a Ánfora de Ouro no FICBUEU 2020

‘Olla’ fíxose coa Ánfora de Prata; ‘The present’ acadou o Premio do Público; ‘Ca nostra’ foi a mellor curta española e ‘Carne’, a galega


A coprodución franco-chinesa ‘Fleur de pavot’ proclamouse a pasada noite gañadora do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) ao facerse coa Ánfora de Ouro, dotada con 2.000 euros. O alcalde, Félix Juncal, anunciou o premio apuntando “a importancia de apoiar a cultura profesional, que non é só entretemento senón tamén actividade económica” e indicando que “a mellor forma de recuperar esa vida que perdemos en parte é compartir eventos coma este”. O director da fita, como case todos os premiados internacionais, enviou o seu agradecemento de xeito virtual. “A idea vén da miña infancia e dos meus soños, e alédame moito tela rodado na miña cidade natal”, dixo Baer Xiao. O filme foi recoñecido tamén co premio a Mellor fotografía.


A Ánfora de Prata, que ascende a 1.000 euros, foi para a francesa ‘Olla’, segundo desvelou a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, quen remarcou que “temos na nosa terra un sector audiovisual moi potente, e os festivais danlle pulo e fano visible”. “Significa moito gañar un premio co teu primeiro traballo, así que grazas por permitirme vivir este momento”, sinalou no seu vídeo Ariane Labed, directora da curta, que levou ademais o premio a Mellor vestiario.


Dous dos espectadores incondicionais do FICBUEU, Manuel Iglesias e Carmen Portela, foron os encargados de anunciar o agardado Premio do Público, que recaeu sobre a cinta palestina ‘The Present’. Segundo a súa directora, Farah Nabulsi, “este é o galardón máis valioso que pode levar un cineasta, porque a xente escolle colectiva e democraticamente” e dedicoullo ao pobo palestino pola “absurda e crúa realidade que sofre”, tal e como amosa a película. 


O Premio R á mellor curtametraxe galega recaeu sobre ‘Carne’, de Camila Kater, e recolleuno a produtora Chelo Loureiro de mans de María del Carmen Novo, representante da compañía de comunicacións, mentres que o Premio Fundación Novas a mellor curtametraxe española desvelouno o representante desta entidade, Suso Portela, e foi para ‘Ca nostra’, de Laia Foguet. A guionista Lidia Novo, integrante do xurado nacional, remarcou “a extraordinaria calidade das curtametraxes presentadas nestas seccións, evindenciando que o audiovisual do noso país conta cun presente brillante e un futuro prometedor”.


Cada un destes tres premios estaba dotado con 500 euros, igual ca o de  Mellor curtametraxe experimental que, tal como anunciou un dos membros do xurado desta categoría, David Fidalgo, foi para ‘Genius loci’, do francés Adrien Merigeau. O tamén representante da Asociación Galega de Profesionais da Realización entregou o Premio CREA á mellor dirección, que ascende a 200 euros e que recaeu no lituano Laurynas Bareiša por ‘Atkūrimas’.


Dous galardóns mereceu outra obra francesa, ‘Massacre’, de Maïté Sonnet, polo Mellor guión e a Mellor montaxe, e outro par a sueca ‘Något att minnas’, os de Mellor dirección artística e Mellor música. Moi aplaudidos foron os premios a Mellor actor para Øyvind Brandtzæg polo seu papel en ‘The Manila Lover’ (Noruega/Filipinas), e para Svetlana Barandich, protagonista de ‘Anna’ (Ucraína/Reino Unido/Israel). O Mellor son gañouno a curta grega ‘All the Fires the Fire’ e o Mellor maquillaxe e peiteado levouno a coprodución albano-francesa ‘The Van’.


A maior parte dos premios artísticos e técnicos foron anunciados polo director do FICBUEU, Manuel Pena, que amosou o seu agradecemento aos patrocinadores públicos e privados, ao equipo profesional e voluntario e, sobre todo, ao público, “alma mater e signo de distinción do festival, pois este ano facíannos máis falta que nunca e sabiamos que non nos ían fallar”. O difícil contexto da pandemia e a valía de celebrar un festival presencial e seguro estivo moi presente noutros discursos da Gala de Clausura, como o da homenaxeada co Premio Cinema Galego. “A cultura sempre nos acompañou, desde a prehistoria, así que non a esquezamos, porque nos identifica e nos conforma como seres humanos”, apuntou Melania Cruz. 


Como na edición anterior, os trofeos deste FICBUEU 2020 foron elaborados por internos do centro penitenciario da Lama, agás no caso dos dous primeiros premios, que consistiron na xa tradicional anforiña creada pola ceramista Sandra Obarrio. A cerimonia de entrega de premios, conducida polo actor César Aldea co acompañamento de Severiano Casalderrey ao piano, puxo fin a unha xornada de peche que comezaba coa Gala Escolas Galegas, na que se alzaron cos galardóns o CEIP A Pedra (Bueu), o IES Terra de Trasancos (Narón) e a Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo, amais da realizadora Chloé Terren na nova categoría internacional. A saída sobre tapiz elaborado pola Asociación Cultural Alfombras de Corpus de Bueu puxo fin a nove intensos días de actividades e proxeccións que contaron co Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia como principais financiadores.








Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement