Deputación. Silva inaugura sus obras de mejora del Centro de Acollida e Protección de Animais
A presidenta da Deputación inaugurou as obras de mellora no Centro de Acollida e Protección de Animais, que eliminan as gaiolas da zona de corentena
As adopcións creceron ata xullo e sitúanse en 275 e poderían bater récord a finais deste ano, pero continúan os abandonos, “un acto de xente cavernícola e pouco avanzada”, como lamentou Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe “o cambio radical” que supuxeron as melloras realizadas pola institución provincial no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) e que o converten en “referencia” no benestar dos cans e cadelas que alberga ata acadar o obxectivo final da adopción. “O trato que lle damos aos animais defínenos como sociedade, e co CAAN somos xa unha referencia en benestar animal”, destacou Silva, que coñeceu a reforma da man do veterinario xefe, José Luis Pedreira, e do deputado responsable do centro, Manuel González.
Máis polo miúdo, Carmela Silva explicou que as obras realizadas permitiron crear unha nova zona de maternidade, con estancias deseñadas para as nais xestantes, nais con cachorros e tamén cachorros de pouca idade. “Están con todas as condicións, como chan radiante, sistemas de ventilación e un deseño confortable e seguro para os cachorros”, explicou. Precisamente, a presidenta foi a encargada, xunto co veterinario xefe, José Luis Pedreira, de acomodar nos seus novos cubículos aos cachorros “Cuna”, “Cunita” e “Cuño”, recollidos en Vilanova hai uns días; “Casti”, recollido en Meis e “Olla”, a nai dos cachorros “Olliño”, “Ollana” e “Alsi”, que foran atopados abandonados en Rodeiro. As novas estancias desta zona lles permiten aos cachorros acceder de forma directa a outros espazos ao aire libre para garantir o seu benestar.
Ademais desta nova área, reformouse a de hospitalización, ampliando o espazo dispoñible, e na de clínica creouse unha sala de raios x e un novo quirófano. “Antes a zona de hospitalización era moi pequena e agora hai un centro ben dotado”, engadiu a presidenta. Unha das reformas que tamén destacou de xeito significativo foi a eliminación das gaiolas da zona de corentena: “Parecíame duro ver aos animais en gaiolas e agora están en estancias seguras, amplas, con ventilación e o máximo benestar”. E tamén subliñou a mellora que supón a nova zona de esparexemento, “para que os cachorros socialicen, ou para cando veña xente a adoptar aos animais para que poidan contactar, así como para futuras actividades”.
Finalmente, acometéronse traballos de impermeabilización en diversas zonas, a instalación da rede de drenaxe e saneamento para garantir a salubridade e reformáronse varias xanelas para facilitar a súa apertura. Traballos que, como resumiu a presidenta, “buscan un trato máis individualizado e próximo cos animais”.
Carmela Silva quixo subliñar o compromiso de todo o equipo que traballa no CAAN na atención aos cans e cadelas do centro e destacou a este respecto a adhesión de novos concellos ao servizo que presta a Deputación (O Porriño e Ponteareas), co que xa son 50 na provincia. “Cada día hai máis concellos que confían no CAAN e iso amosa o bo facer que hai aquí _apuntou_. Hai confianza e credibilidade no traballo que se desenvolve”.
Adopcións e abandonos
A presidenta aproveitou para facer balance dos primeiros sete meses do ano no centro, facendo fincapé no incremento notable das adopcións que se está a producir, pero tamén no problema de abandono que continúa na provincia. No primeiro caso, explicou que as 275 adopcións ata xullo “son os mellores datos e se segue todo como ata agora, poderiamos acabar o ano con 500, batendo o récord do pasado ano, en que houbo 466”. Neste senso, apuntou que desde o 2o15 son case 2.000 adopcións as acadadas e Carmela Silva destacou tamén a labor de concienciación neste senso que están a ter as campañas desenvolvidas pola institución, como “Abraza un CAAN”.
No que respecta a este 2020, houbo 85 adopcións ata o inicio do estado de alarma, 9 durante o confinamento (de xeito telemático e cando a tramitación permitía garantías para os animais), e 181 despois de que se retomasen con cita previa o 11 de maio. Do total de 275 adopcións do 2020, 263 foron a fogares de España e 12 a Portugal. Dentro do territorio español, a comunidade que máis adoptou foi Galicia con 237 e, por provincias, sitúase á cabeza Pontevedra con 178 adopcións, seguida de Lugo con 45 e A Coruña con 13.
Dentro da provincia, os concellos aos que foron a maior parte dos cans e cadelas foron Vigo (21), Pontevedra (20), A Estrada (14), Sanxenxo (10), Meis (9), Ribadumia (8) e Redondela, Vilagarcía e Barro (7). Entre as comunidades con máis adopcións está tamén Castela e León (9 cans e cadelas), Asturias (4) e Cataluña (4). En Andalucía (2), Madrid (2) e Navarra (1). “Eu quero poder dicir _afirmou_ algún día que somos a provincia de toda España que ten máis adopcións, que é o mesmo que dicir que os pontevedreses e pontevedresas son a xente máis comprometida e con máis conciencia en relación a que os animais teñen que vivir nun estado de benestar”.
“A mala noticia _engadiu a presidenta_ é que segue a haber moitos abandonos. Algo que me indigna. Non podo entender que se abandone aos animais. Ter un animal é un acto de responsabilidade e significa que cando o levas ao teu fogar, queda contigo ata que remata a súa vida. Abandonar aos animais é un acto de xente cavernícola, pouco avanzada e pouco desenvolvida. Pido un enorme esforzo para que non haxa máis abandonos e teñamos ademais unha actitude de denuncia, porque hai sancións para a xente que abandona”.
A este respecto, entre xaneiro e xullo houbo 693 recollidas de cans e cadelas (no ano 2019 foron 1.332), das que 323 foron antes do estado de alarma e 99 no confinamento (do 14 de marzo ao 11 de maio). Dos 693 animais recollidos, 186 foron entregados ao propietario no lugar do aviso, mentres que 119 foron recollidos no CAAN polos propietarios.
Pola súa banda, o veterinario xefe do CAAN, José Luis Pedreira, agradeceu o compromiso da Deputación “co benestar” dos animais e remarcou que para conseguir “unha sociedade igualitaria, feminista, tamén hai que respectar aos animais”. Pedreira, ao igual que Silva, destacou que “temos unha sociedade que abandona, pero tamén outra máis concienciada e que cada día vemos co nivel de adopcións. O noso fin é sacar aos cans das rúas, que estean o menor tempo posible no CAAN e buscarlles unha adopción definitiva para que estean ben”.