Deputación apoia proxectos que favorecerán o paso a unha economía baixa en carbono
A Deputación de Pontevedra vén de reforzar a súa aposta pola sostibilidade dos concellos da provincia coa aprobación en Xunta de Goberno de dous proxectos que favorecerán o paso a unha economía baixa en carbono ao abeiro das convocatorias do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do IDAE. En concreto, trátase dun plan de renovación das instalacións de iluminación exterior, cuxo orzamento ascende a 3.054.462,15 euros, e doutro de substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa, cun importe de 491.973,52. O total destes plans ascende, por tanto, a 3.546.435,67 euros.
Ambos proxectos contan co financiamento a través de fondos FEDER de crecemento sostible 2014-2020 dun máximo do 80% de cada actuación. No caso da renovación das instalacións de iluminación exterior, a Deputación achegará un 15% dos recursos, o que se traduce en 458.169,32 euros; mentres que no caso da substitución de caldeiras de gasóleo por outras de biomasa o ente provincial aportará 49.197,35 euros, o 10% do orzamento total. Así, o investimento total da Deputación será de 507.366,67 euros.
Deste xeito, o Goberno de Carmela Silva deu luz verde aos proxectos de execución das obras de renovación do alumeado público exterior nos concellos mediante a substitución das luminarias actuais por outras LED máis eficientes.
As obras divídense en cinco lotes e abranguen 45 concellos da provincia: Barro, Caldas de Reis, Cambados, A Guarda, Meis, Nigrán, Portas, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Tui no lote 1; Arbo, Covelo, Crecente, Meaño, As Neves, Oia, Poio, Pontecesures, Porriño, Silleda, Tomiño e Vilagarcía de Arousa no lote 2; Baiona, Cuntis, Fornelos de Montes, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Pazos de Borbén, O Rosal e Soutomaior no lote 3; e Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Gondomar, A Lama, Mondariz-Balneario, Salceda de Caselas e Valga no lote 4.
No lote 5, pola súa banda, inclúense proxectos de alumeado nos Bens de Interese Cultural (BIC) dos concellos de Baiona, Caldas de Reis, A Guarda, Meis, Poio, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Nestes sete concellos actuarase en 370 puntos de luz para mellorar o alumeado dos BIC, o que supoñerá un aforro enerxético medio do 81,14%.
Doutra banda, foi aprobado o expediente de contratación para a adxudicación do contrato de obras de substitución de caldeiras de gasóleo por outras de biomasa. O obxectivo que persegue este proxecto é a sostibilidade e a eficiencia enerxética de sete instalacións situadas nos concellos da Guarda, Salvaterra de Miño, Mondariz, Portas e Caldas de Reis. Con estas actuacións preténdese reducir as emisións contaminantes e acadar un aforro enerxético do 25%. Ademais, estas obras levan aparellada a redución considerable dos custes de subministro de gasóleo para as arcas dos concellos e teñen grandes beneficios ecolóxicos, xa que permiten aforros de emisión de CO2 á atmosfera.
En concreto, coas achegas derivadas deste proxecto A Guarda vai substituír a caldeira de gasóleo do Centro Cultural, mentres que Salvaterra acometerá tres actuacións, coa substitución das caldeiras no Concello, o Centro Cultural e no Xulgado de Paz. Pola súa banda, Mondariz cambiará a caldeira do Centro Social; Portas, as do edificio da Azucreira, a gardería e o Centro de Día; e, por último, Caldas substituirá a da piscina.