Ad Code

Ad Code

COGAMI pide a retirada da ordenanza de mobilidade do concello de Pontevedra por considerala discriminatoria

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade rexeita a existencia dunha limitación temporal nas prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida.

 COGAMI pídelle ao municipio que dialogue co movemento asociativo da discapacidade, como xa ten feito anteriormente, antes de aprobar a ordenanza de mobilidade. 


A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) solicítalle ao concello de Pontevedra a paralización do proceso de aprobación da Ordenanza de Mobilidade de Utilización de Espazos Públicos por considerala discriminatoria a persoas con mobilidade reducida.

Dende COGAMI, que aglutina 53 entidades representativas da discapacidade sendo unha delas a pontevedresa Amizade, vese con preocupación a posibilidade de que se poida limitar o tempo de estacionamento nunha praza reservada a persoas con mobilidade reducida. A Confederación considera que de ser así, iría en contra do mandato constitucional de que os poderes públicos deben realizar políticas encamiñadas a garantir a igualdade de dereitos de todas as persoas. 

Dende COGAMI pídese que se teña en conta o feito de que as persoas con mobilidade reducida necesitan máis tempo para percorrer un mesmo traxecto, supoñéndolle normalmente un maior esforzo que ao resto da cidadanía. Outra cuestión importante que fai necesarias estas prazas de estacionamento reservado ten que ver coas súas dimensións. Unha persoa usuaria de bastóns ou cadeira de rodas non pode estacionar nunha praza de estacionamento libre convencional por carecer das medidas suficientes que lle permitan a entrada e saída axeitada do vehículo. 

A Confederación recorda que xa a LISMI do ano 1982 incluía un mandato aos concellos para que establecesen medidas encamiñadas a facilitar o estacionamento de vehículos de persoas con mobilidade reducida, porque xa se entendía a necesidade de tomar medidas de discriminación positiva orientadas a mellorar a vida das persoas con discapacidade, dando cumprimento ao Artigo 49 Constitución Española.

Dende entón, e grazas á presión exercida pola cidadanía, as nosas vilas e cidades contan con prazas reservadas para facilitar o estacionamento de persoas con mobilidade reducida, co obxectivo de reducir as distancias que teñen que percorrer as persoas que pola súa discapacidade teñen limitada a súa capacidade de desprazamento, favorecendo e aumentando as súas posibilidades de integración social.

Por todo isto, COGAMI solicítalle ao concello de Pontevedra a paralización do proceso de aprobación da ordenanza de mobilidade e que consulte coas entidades representativas da discapacidade o seu posicionamento, co fin de estudar alternativas conxuntas que respondan aos problemas que puidera ter detectado o Concello para propoñer esta medida de limitar o tempo de uso das prazas reservadas.

COGAMI recoñece a vontade do concello de Pontevedra por mellorar a cidade facéndoa inclusiva, como así se considerou publicamente outorgándolle o Premio COGAMI en 2015 ao municipio “por facer unha cidade deseñada para todas as persoas, sen exclusións; por manter unha relación fluída e constante coas entidades de persoas con discapacidade e por controlar e perseguir o uso fraudulento das tarxetas de estacionamento”. Por todo isto, dende a Confederación pídenlle ao Concello continuar co diálogo fluído como sempre mantivo co movemento asociativo.