Galicia é un deses lugares de convivencia. Galicia é unha casa que se comparte, cuxa construción inicial data de moito tempo atrás e que seguimos perfeccionando día a día. É un fogar acolledor para os que viven nel, e un lugar atractivo para os que viven fóra e se achegan a nós. Todos sentimos que o noso país está de moda en moitas facetas, pero sobre todo nas fórmulas que ofrece para conciliar aspectos que en ocasións se ven como antagónicos. Pensemos no cultivo do propio, que algúns interpretan de maneira excluínte mentres que nós o facemos sen hostilidade cara a ninguén. A identidade en clave galega non confina nin illa, senón que é unha forma de participar como somos en unidades máis amplas. Entendemos que aquilo que consideramos noso enriquece a España, Europa e o mundo enteiro porque é un ingrediente orixinal que ningún outro pobo pode achegar. O noso desexo non consiste en facer dos nosos trazos culturais e idiomáticos un muro defensivo, senón unha canle máis de comunicación no gran concerto dos pobos.
Pensemos tamén no debate entre as tendencias globalizadoras e proteccionistas, no que Galicia aporta a experiencia dun país inserido no mundo global sen por iso perder o que é a súa esencia. Quen mellor soubo expresar esa prodixiosa facultade de estar no mundo sen diluírse nel, e cultivar o propio sen estar de costas ao mundo, foi o noso Álvaro Cunqueiro cun verbo fundamental saído da súa creatividade: anosar. Ao igual que el facía coas lendas marabillosas doutras latitudes, a Galicia de hoxe fai súas todas as tendencias enriquecedoras que xorden ao seu redor, galeguízaas para incorporalas á nosa personalidade.
De aí o frecuente asombro dos que nos visitan diante do harmónico contraste que se dá na nosa terra entre o tradicional e o novo. En nós o tradicional semella novo e o novo tradicional porque ademais de anosar, como explicaba don Álvaro, tamén avosamos, é dicir, aportamos o que é noso ás correntes globais. O noso pode ser compartido con vós. Galicia nunca veu na contorna unha ameaza a evitar, senón unha oportunidade para influír e recibir influencias que nos axuden a mellorar.
Pensemos, en fin, no desacougo que produce nalgúns que as democracias non cheguen a ser o suficientemente efectivas e resolutivas en situacións adversas como as que estamos a sufrir a causa da pandemia. Galicia, unha democracia nova e madura, demostra que a democracia non está rifada coa eficacia na adopción das medidas necesarias. Todo o contrario. Esas medidas teñen unha eficacia maior debido a que se aplican nunha comunidade informada e responsable que é copartícipe das decisións.
Na Festa do Día Nacional de Galicia celebramos que Galicia é un fogar fermoso pola súa paisaxe física, pero sobre todo pola súa paisaxe humana. Os galegos fomos obsequiados cunha terra fermosa que nós poboamos con valores suxestivos que non deixan de medrar, grazas a un esforzo colectivo que se pon a proba na crise desatada pola covid-19. Nestas e noutras circunstancias adversas do pasado, Galicia amosa unha fortaleza descomunal que ten a súa orixe precisamente en ser un fogar, como anuncia o noso himno. Unha nacionalidade histórica, un país, pero sobre todo un fogar grato que imos ensanchando co paso do tempo e que ten as portas e fiestra abertas de par en par. Un fogar no que nos coidan, como fan as mulleres e homes da nosa sanidade que reciben este ano a Medalla de Galicia, e no que coidamos. Ningún galego é alleo para outro galego nesta Galicia caseira na que queremos seguir vivindo.
Galicia volve, dinos Benedicta na súa mensaxe. Volve igual e distinta, como un camiño feito de pegadas de moitos camiñantes, como unha suma de forzas na que a desesperanza está descartada. Dos nosos maiores aprendemos que en nós aniña unha capacidade de loita capaz de superar reveses e infortunios. A mesma lección que cómpre trasladar ás xeracións que collan o noso testemuño. Nestas décadas do século XXI, Galicia é sinónimo de convivencia, liberdade, tradición e modernidade. Non é unha mala bagaxe para seguir adiante. Feliz Día de Galicia.
ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO
Presidente de la Xunta de Galicia