Como destacou a presidenta, “damos un paso máis de apoio a uns festivais que cada día son máis potentes, nos sitúan a nivel nacional e internacional e encarnan o que queremos que sexa a provincia: unha referencia en todo”. Ademais, a nova marca pretende que “o noso cinema entre noutros circuítos de promoción da provincia, amais do cultural, como é o turístico, xa que entronca co noso modelo centrado na cultura, na sustentabilidade e na Axenda 2030”.
Precisamente hoxe, o goberno provincial vén de aprobar subvencións por valor de 130.000€ para o desenvolvemento dos festivais. “Este ano vanse manter todos, aínda que cambiando as datas e reducindo aforos, por mor da Covid-19”, asegurou Carmela Silva, quen detallou que “ imos permitir ademais que poidan xustificar gastos que teñan que ver con esta excepcionalidade, así como aqueles derivados de campañas de promoción cara o 2021”. Amais, Deputación e festivais xa dispoñen dun protocolo común de protección e seguridade para os eventos deste ano, no que a institución tamén pon á súa disposición materiais como ferramentas para medir a temperatura ou controlar aforos, a fin de garantir a seguridade das persoas que se acheguen ata eles.