Las manchas de color rojizo que aparecieron en varios puntos de la costa gallega son un fenómeno natural

A Consellería do Mar da Xunta de Galicia aclara que as manchas de cor avermellada que apareceron nos últimos días en distintos puntos da costa galega son un fenómeno natural que se produce con certa periodicidade como consecuencia da presenza dun organismo microscópico denominado Noctiluca scintillans, que non ten efectos negativos nin nas persoas nin nos recursos mariños.


A poboación deste organismo aumenta de xeito considerable cando se producen floracións por unha elevada dispoñibilidade de nutrientes nunha zona mariña, o que favorece a multiplicación rápida de microorganismos como o fitoplancto ou as noctilucas ao ter á súa disposición alimento en abundancia. Estes fenómenos adoitan darse en augas mornas, polo que en Galicia son máis frecuentes no verán, e provocan a formación de mareas de cor alaranxada, aspecto denso e luminosidade nocturna ao acumularse na superficie. 


O Executivo galego subliña que a súa presenza non causa danos ás persoas nin aos recursos mariños, polo que lanza unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía pois non entrañan ningún risco para o baño nin á hora de consumir produtos pesqueiros ou marisqueiros extraídos de zonas afectadas por este fenómeno. 


A Xunta lembra que se trata dun episodio totalmente natural, unha marea vermella literal ou de libro, e que xa se produciu en anos anteriores. Neste sentido, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) analizou a semana pasada distintas mostras tomadas trala súa aparición en varios puntos do litoral da comunidade e está a facer un seguimento da súa extensión a outras zonas da costa. 


Estas mareas vermellas son un fenómeno da natureza moi característico -coñecido nalgunhas zonas do planeta como chispa de mar- pois provoca que durante o día se vexan as zonas afectadas de cor alaranxada mentres que pola noite a superficie da auga refulxe, xerando uns efectos visuais que noutros países chegan a ser un gran reclamo turístico.