A presidenta Carmela Silva e o alcalde Felix Juncal supervisan os últimos detalles da nova infraestrutura deportiva da vila, unha “demanda histórica” da súa veciñanza
“Está xa todo listo para inaugurar esta esperada piscina dando resposta a unha demanda histórica da veciñanza de Bueu” destacou Carmela Silva ao remate da visita á nova infraestrutura deportiva da vila do Morrazo. Silva, que visitou ou espazo xunto ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, amosou a súa satisfacción tras ver que quedan “os últimos detalles” e que “en moi pouco tempo” a vila contará cunha piscina cuberta “do século XXI” adaptada ás necesidades e demandas da cidadanía.
“Ver esta piscina practicamente rematada é para min unha grande felicidade, dixo a presidenta, porque na política estamos para cumprir os soños da cidadanía e este espazo é un soño das veciñas e veciños de Bueu e unha demanda histórica”. Neste eido, remarcou a necesidade de “xestionar os recursos da cidadanía para garantir que, vivas onde vivas, e goberne quen goberne, as veciñas e veciños teñan infraestruturas e servizos de calidade”. A nova infraestrutura de Bueu tivo un custe de 2.798.911,96 euros que foron financiados practicamente na súa totalidade pola Deputación, que achegou o 98,27% do orzamento a través do Plan de Reequilibrio (1.500.000 €) e do Plan Concellos (1.250.617,62 €).
A piscina cuberta de Bueu, situada nas Lagoas e cuxa construción comezou a finais de 2018, é a infraestrutura máis esperada na vila do Morrazo e unha das prioridades do concello dende hai máis de dez anos. Conta con tres alturas e amais da piscina, cun vaso de 25 metros por 15 e ata seis calles, a infraestrutura disporá de salas para actividades deportivas dirixidas (fitness, aerobic, relaxación, danza, etc.), ludoteca e ata un espazo acondicionado para ver o interior da piscina. Por outra banda, o proxecto foi elaborado sobre a base do aforro enerxético para reducir os custes de explotación, contando con medidas de eficiencia como placas fotovoltaicas e paneis captadores orientados ao sol para absorber a enerxía solar.