O
xornalista Lorenzo Milá obtivo o XVI Premio José Couso de Liberdade de
Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e
o Club de Prensa de Ferrol.
O
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa
de Ferrol, convocantes do Premio José Couso de Liberdade de Prensa,
anunciaron que o gañador da XVI edición é Lorenzo Milá, logo de se
celebrar a semana pasada, en acto pechado por mor do estado de alarma, o
reconto de votos avalado polo notario Héctor Pardo, do Ilustre Colexio
Notarial de Galicia. A candidatura de Lorenzo Milá resultou vencedora
con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do
presidente do xurado. Como cada ano, o gañador foi elixido en votación
aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e
socias do Club de Prensa.
Lorenzo
Milá é un xornalista cunha longa traxectoria na televisión pública
española, onde ten cubertos diferentes acontecementos mundiais do mesmo
xeito rigoroso e profesional. É un dos xornalistas que personalizan a
mellor época de independencia nos informativos nos medios públicos, onde
presentou La 2 Noticias e o Telediario 2. Desde o 2014,
ocupa a correspondencia en Italia para a TVE, desde onde está a facer a
cobertura profesional sobre a COVID-19. Milá competía nesta edición do
premio Couso coa actual correspondente de Televisión Española en
Asia-Pacífico, Mavi Doñate e o recentemente cesado como director da
Axencia Efe, Fernando Garea.
Debido
ás circunstancias impostas pola actual crise sanitaria, non foi posíbel
celebrar a rolda de prensa para anunciar o fallo desta edición do
Premio Couso nin os tradicionais actos de entrega en Ferrol. Lorenzo
Milá enviou desde Roma un vídeo no
que agradece o premio e llo dedica a "tantos profesionais da
comunicación que se xogan a vida defendendo a liberdade de prensa, a
todos os informadores de calquera categoría que traballan en condicións
de precariedade laboral e a quen traballa na verificación das noticias,
unha función crucial". Cando a situación o permita, realizarase un acto
público coa presenza do premiado para facerlle entrega do galardón.
O premiado
Lorenzo
Milá Mencos (Esplugues de Llobregat, 1960) é licenciado en Xornalismo
pola Universidade Autónoma de Barcelona, e a súa traxectoria profesional
comezou co xornalismo deportivo en 1983 no diario Sport. Máis tarde colaborou con TVE en programas como El tiempo es oro, Juego de niños ou Plató vacío,
despois do cal marchou a Londres para traballar en ScreenSport (o
actual Eurosport). Regresou a TVE e de 1989 a 1994 traballou en
deportes. En 1994 trasladouse a Madrid para traballar no informativo
nocturno de La 2 Noticias. Neste
período, foi o espazo informativo coñecido por ser o menos
institucional e por ter un estilo moi persoal, polo que recibiu varios
premios.
Entre 2003 e 2004 foi correspondente adxunto na delegación de TVE en Washington. Posteriormente estivo no Telediario
nocturno de La 1. En 2009 marcharía de novo a Washington, desta vez
como correspondente principal. En 2014 trasladouse a Roma, posto no que
está actualmente. Foi tamén presentador e moderador da maioría das
edicións do programa Tengo una pregunta para usted, no que un
grupo de cen cidadáns anónimos entrevista a líderes políticos invitados.
Ao longo da súa traxectoria foi obxecto de moitos recoñecementos, como o
Premio Antena de Oro, os Premios ATV e varios TP de Oro.
Lorenzo Milá súmase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique
(2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa
María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks
(2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto
(2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas
(2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida
(2017), Julia Otero (2018) e Defende A Galega (2019) foron ata agora os
galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha.
O
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do
Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol
organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo
dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da
liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e
independente.