O grupo –composto por un amplo número de representantes das administracións xestoras do Camiño, as asociacións de amigos, dos sectores cultural e turístico, da Igrexa ou do eido académico e investigador, entre outros– mantivo no último mes varias videoconferencias co obxectivo de contribuír ao reinicio da peregrinación, un proceso que se prevé desenvolver nas próximas semanas, e á reorientación do Xacobeo 2021 ao escenario poscovid-19.
O conselleiro sinalou que o Camiño de Santiago e, por conseguinte, o Xacobeo 2021 se presentan como factores de impulso económico e anímico tras a crise sanitaria, polo que a Xunta ten en marcha diversas iniciativas para o seu desenvolvemento, entre elas este grupo de traballo, cuxas achegas serán tidas en conta na posta en marcha do programa Camiño Seguro, que busca garantir a reactivación da peregrinación progresiva e coordinada.
As súas recomendacións contribuirán a actualizar e reenfocar as prioridades e necesidades do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 no novo escenario, así como a traballar a prol da viabilidade e sustentabilidade do tecido empresarial e do mantemento do emprego vinculado ao Camiño. A adaptación ao contexto socioeconómico resultante e o deseño de novos produtos e solucións adaptadas serán outras das liñas a curto e medio prazo.
Obxectivos a curto e longo prazo
Os obxectivos prioritarios fixados nas conclusións articúlanse en catro eixos, o primeiro dos cales subliña a importancia de garantir a seguridade das persoas no Camiño, colaborando entre administracións, establecendo medidas concretas e axudas e favorecendo a saúde pública. En segundo lugar, avógase por un itinerario que potencie a comunicación, formación e información, sentando as bases da súa reactivación, co 2021 no terceiro eixo, o máis inmediato, pero cunha visión global para a próxima década no cuarto dos eixos.
As súas propostas, que se enriquecerán co traballo posto en marcha en diferentes niveis polo Goberno autonómico, están pensadas para aproveitar a oportunidade do Xacobeo 2021 como proxecto de país e con dimensión internacional, que permita axudar a reactivar a economía e o emprego non só na cultura e turismo, senón tamén noutros sectores.