martes

Director de "AECT Río Minho" habla contundente y muy claro coincidiendo con la reapertura fronteriza

O AECT Rio Minho, a través do seu director Uxío Benítez, subliñou hoxe que haberá que “traballar arreo para restituír e normalizar as relacións entre Galiza e Portugal” tras o peche “férreo” da fronteira pola COVID-19. O nacionalista destacou que a apertura total da fronteira este 1 de xullo significa a posibilidade de volver á normalidade máis destacou que, alén da barreira política que se abre, “deixan unha barreira psicolóxica que vai tardar tempo en curarse”.

Segundo o director do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Miño, durante estes tres meses nos que só estivo habilitado un paso na fronteira entre a provincia de Pontevedra e Portugal produciuse un “dano irreparable que vai tardar tempo en volver á normalidade”, porque dende as institucións se está a trasladar a imaxe á cidadanía de que en Portugal hai un problema epidemiolóxico.

Neste sentido, criticou as últimas palabras do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, quen manifestou a súa “preocupación” pola mobilidade das e dos veciños portugueses cara a Galiza. Fronte a iso, Benítez pediu ao conselleiro e ao Partido Popular en xeral que “non criminalice á veciñanza Portugal posto que ten mellores datos epidemiolóxicos que Galicia”. Lembrou, de feito, que o goberno do país veciño foi un dos que mellor afrontou a crise, cunha taxa de contaxios moi inferior á galega.

“En canto á xestión, por resultados, está claro que o traballo da Xunta foi moito peor que en Portugal, que soubo anticiparse”, destacou, criticando que non se esixise o blindaxe de Galicia fronte a Madrid ao principio da pandemia, tal e como se reclamou insistentemente ao goberno galego. “Non querían blindar Galicia fronte a Madrid e agora preocúpalles Portugal –destacou o director do AECT-. Dende logo teñen unha visión distorsionada da realidade e das relacións que debe haber entre ambos países”.

Por outra parte, e a pesares de non estar de acordo coa fórmula para celebrar oficialmente a apertura entre España e Portugal, Benítez lamentou que non se escollera a fronteira máis importante e dinámica económica, a do Miño, para facer o acto central. Hai que lembrar que os 70 quilómetros entre Pontevedra e Portugal inclúen os tres pasos con máis tránsito de vehículos en toda a raia, mais o Rei e o presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, reabrirán oficialmente a fronteira luso- á altura da provincia de Badaxoz, nun acto no que tamén estarán presentes os xefes de goberno Pedro Sánchez e António Costa.

Benítez fixo tamén unha reflexión en relación a situación derivada do COVID19, que evidencia a importancia para o territorio do Miño en particular e en xeral para toda Galiza de traballar na Eurorrexión e entender as relacións transfronteirizas como un eixo fundamental de desenvolvemento económico. “Temos un presidente da Xunta que non mira para Portugal e para as oportunidades que ofrece a Eurorrexión, cando é preciso facer un eixo central da cooperación transfronteiriza e traballar nas relacións económicas e culturais e nos vínculos que existen a un lado e outro da raia porque esa é unha oportunidade na que nos vai a vida”, destacou o director do AECT.

Benítez lembrou que é necesario destinar fondos á fronteira para paliar as consecuencias da crise, que a fronteira sufriu de maneira dobre. Indicou que o máis oportuno será poñer en marcha un Investimento Territorial Integrado (ITI) no que os fondos de todas as administracións sexan xestionados por un organismo, o AECT, que coñece de primeira man o territorio miñoto.