Primavera "feliz" : peste del coronavirus para las personas y bichería abundante en los cultivos

O centro dependente da Deputación lanzou un novo aviso fitosanitario no que subliña que é probable que haxa que renovar unha vez máis os tratamentos se non se observan indicios dun bo control da enfermidade 

AREEIRO RECOMENDA EXHAUSTIVAS REVISIÓNS DAS VIÑAS, AÍNDA QUE ESTEAN TRATADAS, PARA COMPROBAR A EVOLUCIÓN DO MILDIO DEBIDO Á SÚA ELEVADA INCIDENCIA 

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un aviso fitosanitario no que volve insistir na elevada incidencia que está a ter o mildio nas viñas, favorecida nesta campaña por unhas condicións climatolóxicas de altas temperaturas e humidade relativa que provocan que, a pesar dos tratamentos realizados polas persoas viticultoras, continúe avanzando a presión da enfermidade.

Para vixiar a incidencia do mildio, a EFA ampliou esta semana o número de viñas revisadas incorporando outras novas ás da súa rede de seguimento, entre elas plantas abandonadas nas que tamén constatou a aparición de manchas de mildio de grande superficie e/ou moi abundantes, en follas máis ou menos tenras independentemente da sensibilidade varietal. No caso das viñas que xa foran tratadas recentemente, observouse unha diversidade de situacións, aínda que en todas hai mildio: parcelas con infeccións aparentemente controladas, viñas con manchas novas e antigas con frutificación activa e con acios tamén con frutificación, e viñas con algún dano puntual anterior nos acios, pero con maior ou menor cantidade de manchas novas, situación que foi a máis frecuente.

Por esta presencia xeral do mildio, o persoal especialista de Areeiro recomenda que aínda que os viñedos estean xa protexidos nestes momentos por algún tratamento, deben ser revisados coidadosamente para comprobar a evolución da enfermidade despois dos últimos días de tempo seco que, segundo as previsións, poderá estenderse ata o domingo ou martes. E, de cumprirse esas previsións climatolóxicas, a EFA subliña a necesidade de estar alerta porque é probable que haxa que renovar unha vez máis as aplicacións se finalmente non se observan indicios dun bo control da enfermidade a través da combinación de funxicida aplicado e climatoloxía seca. Nestes casos, destaca que haberá que intervir aínda acortando o período de protección teórico do produto, polo actual momento de elevada sensibilidade dos acios aos ataques do patóxeno.

Engade amais que, coas condicións tan húmidas deste ano xa hai moitas viñas cun exceso de masa foliar que dificultan a correcta penetración dos produtos no interior porque, aínda que se estean aplicando produtos sistémicos ou penetrantes, as aplicacións deben ser de calidade. Por este motivo, nas viñas coa floración xa concluída que presenten esta situación, ademais das rozas da vexetación do solo, as persoas viticultoras poden iniciar xa as esfollas e as podas verde para axudar ao control dos patóxenos. Iso si, estas operacións deben ser lixeiras para non prexudicar o desenvolvemento dos acios

O aviso fitosanitario refírese tamén ao alto risco do oídio das viñas, polas altas temperaturas e a que por fenoloxía a viña está nun período de máxima sensibilidade. Por este motivo, e aínda que nas revisións desta semana non se atoparon novos síntomas mais que nas plantas testemuñas, a EFA destaca que hai que insistir na vixilancia, sobre todo tendo en conta as previsións climatolóxicas de maior humidade, que favorecen o patóxeno. Amais, é aconsellable engadir un antioídio aos potenciais tratamentos que se planifiquen nas viñas, sobre todo nas máis sensibles, e mesmo intervir especificamente se continúan aparecendo síntomas. 

No que atinxe ao black-rot,  maila ter existido condicións favorables, non se observaron cambios no estado das viñas na revisión desta semana, pero Areeiro lembra que os síntomas poden manifestarse ata tres semanas despois de ter lugar a infección, polo que aínda hai posibilidades de que aparezan os correspondentes ao tempo húmido das semanas anteriores. Por este motivo, nas viñas con síntomas ou con plantas afectadas nas proximidades, no caso de que se realice unha intervención fronte a mildio ou oídio, débese utilizar un produto que tamén teña efectos fronte a esta patoloxía, máis considerando que o acio está nun momento moi sensible.

Respecto á botrite, o aviso fitosanitario subliña que a floración das viñas está a transcorrer limpamente, e os restos das flores _onde podería nestes momentos instalarse o fungo de haber humidade_ estanse desprendendo axeitadamente. Porén, recomenda ás persoas viticultoras a vixilancia na próxima semana, con maior atención nas viñas con glomérulos ou niños de avelaíña, pois estes poden dificultar que se liberen os restos. 

Doutra banda, no que se refire ás avelaíñas do acio, a EFA sinala que malia ter baixado as capturas de machos de Lobesia botrana en todas as trampas instaladas, o número de glomérulos incrementouse nas viñas onde se detectaran e tamén apareceron nas demais, pero a súa presenza non é significativa en absoluto.

O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades noutros cultivos e árbores como a maceira. Subliña que no caso do moteado o risco foi só moderado e así, nas plantas sen tratamentos revisadas se detectaron novos síntomas. En todo caso, a  evolución futura da enfermidade estará moi condicionada por como se produza finalmente o cambio anunciado na meteoroloxía, polo que recomenda manter a vixilancia.

No caso da avelaíña da mazá, nesta semana, e malia non ter intervido fronte a praga, non se recolleu en Areeiro ningún adulto nas trampas e tampouco as temperaturas tan elevadas dos últimos días  foron favorables á actividade dos adultos. En todo caso, a EFA lembra que se non se dispoñe de trampas, o único xeito de manter medianamente controlada a praga é garantindo unha protección case sistemática das plantas.  

Doutra banda, no caso dos cítricos, a EFA indicou que sobre os gromos novos destas especies están a aparecer os típicos vultos na face da folla causados polas ninfas da psila africana (Trioza erytreae) e se recolleron tamén unha grande cantidade de adultos nas trampas amarelas que Areeiro ten instaladas preto dalgunhas árbores. Neste senso, o persoal da Estación lembra que se os pés das árbores son grandes e están frondosos, a eliminación e destrución dos gromos é unha medida que axuda a manter a praga en niveis aceptables e serve tamén de control do excesivo desenvolvemento das árbores. 

En diversos cultivos, o bo tempo favoreceu o aumento das colonias dos insectos chupadores nos brotes tenros. A retirada das colonias cando aínda son incipientes ou a propia eliminación dos brotes afectados son as recomendacións de Areeiro para limitar os danos que poidan ocasionar. Tamén este bo tempo é favorable á aparición do oídio en diferentes cultivos sensibles. 

Tamén se detectaron en diversas frondosas de ribeira o forte ataque dos crisomélidos en árbores dalgúns cursos de auga. Nalgúns casos percibiuse xa a necrose dos tecidos que, ao lonxe, da a aparencia de secado total das árbores. 

Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e os datos aportados por técnicos e viticultores. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.