jueves

Mejoras en un tramo en "Moaña de arriba", en la carretera provincial Moaña-Coiro

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres o convenio co concello de Moaña para a “Recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil entre os puntos quilométricos 1+200 e 1+780 do tramo da EP 1104 entre Moaña e Coiro”. A actuación conta cun orzamento de 690.000 € e será financiada na súa totalidade pola Deputación, que cubre directamente o 70% (483.000 €) e o 30% restante (207.000 €) son recursos do Plan Concellos que a Deputación achega a Moaña.
Con este proxecto, enmarcado no modelo de seguridade viaria da institución, mellorarase o estado actual do firme da EP 1104 entre Moaña e Coiro, así como a súa accesibilidade. Amais, aplicaranse medidas de convivencia entre peóns e vehículos cunha plataforma única en toda a lonxitude do proxecto, que ascende a 580 metros. Esta plataforma xogará con distintos materiais, cores e texturas, para poder establecer unha diferenciación entre o espazo peonil e o reservado para a circulación de vehículos.
A actuación contempla ademais unha zona de prioridade peonil, para mellorar a mobilidade e garantir a seguranza, e a redución especial da velocidade dos vehículos. A obra de recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil entre Moaña e Coiro tamén abrangue melloras en diversos servizos urbanos como o alumeado público, a drenaxe, o mobiliario urbano ou a xardinería.

---------------
A DEPUTACIÓN APROBARÁ GASTO DE 6 MILLÓNS EN INFRAESTRUTURAS NA PROVINCIA
O Goberno provincial aprobará este venres proxectos por 2 millóns de euros para a conservación de firmes, amais de 2,5 millóns do Plan Móvese III e 1,1 millóns en tres proxectos de mobilidade en Moaña, As Neves e Cerdedo-Cotobade

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres un ambicioso investimento de ata 5,8 millóns de euros en infraestruturas na provincia.
Deste xeito, aprobarase o Plan Móvese 3, cun investimento de 2,5 millóns de euros e vai permitir executar ata 500 obras en 54 concellos da provincia. A presidenta lembrou que este plan representa o modelo de mobilidade e seguridade viaria na provincia, “co que nestes anos de goberno nos temos convertido nunha grande referencia a nivel nacional e internacional, incluso con premios e recoñecementos pola aposta por outro modelo de espazo público e outro tratamento das infraestruturas viarias cos principios de mobilidade segura, accesibilidade e seguridade viaria”. Co novo investimento de 2,5 millóns, o Plan Móvese suma xa 7 millóns de euros e 1.500 actuacións desde a súa posta en marcha no ano 2016.

O goberno tamén aprobará outro investimento de ata 2,2 millóns para actuacións nos firmes das estradas provinciais. Deste xeito, adxudicarase por máis dun millón de euros o contrato de obras de conservación de firmes da Zona A, que corresponde ás estradas provinciais dos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Campo Lameiro. Así mesmo, se levará á sesión da Xunta a aprobación do proxecto para a zona C, que corresponde ao Deza e Terra de Montes, por 1,1 millóns de euros para as estradas provinciais que transcorren por Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Cuntis. A presidenta da Deputación explicou que este contrato estaba adxudicado á empresa Nexia, pero trala entrada en crise da firma a institución provincial veuse na necesidade de aprobar un novo proxecto “e volver licitalo para que outra firma se poida facer cargo desta zona”. Aclarou que mentres non se resolve este concurso a Deputación seguirá “actuando con medios propios nesta área da provincia”. No resto das zonas da provincia, os contratos xa están adxudicados “e se están executando as renovacións de firmes”.

Amais, o Goberno provincial aprobará tamén outros tres proxectos de recuperación do espazo público e de mobilidade segura por preto de 1,1 millóns de euros, destinados aos concellos das Neves, Moaña e Cerdedo-Cotobade. No que se refire ao primeiro destes municipios, trátase do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada provincial Setados-Ribarteme-Vide, no que se investirán preto de 336.000 euros. No caso de Moaña, aprobarase un convenio entre a Deputación e o Concello para a recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil na EP-1104 Moaña-Coiro, cun orzamento de cerca de 700.000 euros “e vai permitir mellorar o estado actual do firme, garantir a accesibilidade e crear un espazo onde os peóns van ter a prioridade”. E para Cerdedo-Cotobade, aprobarase unha addenda que completará a mellora do núcleo de Chan xa iniciada no 2018 pola Deputación. “Xa fixeramos a maioría da obra, pero quedaban 200 metros de estrada pendentes de reestruturar e imos abordalo”, explicou a presidenta. O orzamento é e cerca de 42.000 euros.