Ademais das restricións de aforo, establecerase un único acceso polas escaleiras da entrada principal (cara a rúa Serra), empregándose as do lado dereito para subir e as da esquerda para baixar e quedando pechadas o resto de escaleiras do edificio. Unicamente poderá utilizarse o ascensor da dereita, que ao igual que os aseos terá unha ocupación máxima dunha persoa. Colocaranse dispensadores de hidroxel tanto na entrada como nos aseos.
A Concellería de Promoción Económica e Turismo estableceu un aforo máximo de 48 cadeiras para a zona da terraza central, 24 para a da galería que dá á avenida de Bos Aires, 10 para cada unha das cafeterías (Olmos e La Plaza) e catro en cada un dos laterais adxacentes ás escaleiras de baixada e de subida (lindantes co Sete de Bastos e o Piada Romagnola). Co obxectivo de aproveitar as obrigas que impón a fase 2 á entrada en servizo da hostalería e a reorganización do espazo gastronómico para relanzar a imaxe do conxunto do Mercado de Abastos, a responsable do departamento municipal, Yoya Blanco, decidiu realizar “unha aposta visual chea de vida, colorista e desdramatizada”.