Segundo indicou Miguel Anxo Fernández Lores “xa estaba previsto mellorar e axilizar tanto atención a público como o traballos dos funcionarios e aquí imos conseguir unha atención máis personalizada e limitando as aglomeracións e a espera para a xente que se acerque a facer xestións administrativas”. Fernández Lores lembrou que estas instalacións acollerán 70 de traballadores e traballadoras nos preto de 1.400 metros cadrados entre dúas plantas. Na planta baixa ubicaranse as áreas relativas a Tesourería (Tesourería, Xestión Tributaria, Contratación tributaria, tributos e inspección) con 30 postos de traballo, e no primeiro andar as de Urbanismo (Disciplina urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa, Oficina técnica de licenzas e inspección, Oficina técnica de rehabilitación, Servizo de Urbanismo, Planeamento e Patrimonio) con 40 postos de traballo.
Ademais e atendendo ás medidas de seguridade tras a aparición do Covid-19, garántense as medidas de seguridade e distancia social de 2 metros tanto entre traballadores como entre traballadores e público, e haberá dous accesos diferenciados, un para persoal e outro para público. Convén lembrar que esta remodelación xa incluía no proxecto inicial servizos como domótica e videovixilancia, así como unha reforma interior pensada para aforrar até un 50% dos consumos de enerxía habituais nas oficinas deste tipo. No exterior tamén se instalou unha celosía de madeira coa función de refrescar as oficinas no verán ou manter o calor no inverno, no marco da denominada Arquitectura Pasiva para conseguir unha cualificación enerxética de proxecto tipo “A”, a mellor das posibles.
Reformulación de espazos
Anabel Gulías sinalou que o traslado das áreas de Tesouraría e Urbanismo ao edificio de Ferreiros conlevan unha reformulación de espazos que xa estaban previstos no proxecto de modernización da Administración local pero que agora se están acelerando tras a aparición da Covid-19. Neste sentido, explicou que coa reforma de Michelena 30 e co traslado a Ferreiros, quedará libre unha parte de Churruchaos onde está previsto reorganizar o espazo e ubicar o Servizo de Patrimonio e as oficinas dos grupos da oposición. Ademais o traslado de Xestión Tributara suporá que o Concello deixará de pagar o aluguer do baixo en Xofre de Tenorio, onde estas oficinas estiveron instaladas ata o de agora.
Tamén adiantou que está previsto realizar unha reforma no propio Teatro Principal para acondicionar toda a área que quedará libre, tras o traslado de Disciplina Urbanística, para dispoñer de salas de reunións e dunha sala de prensa.