O Partido Popular pide explicacións públicas a Carmela Silva "polo fraude cometido cos becarios na Deputación de Pontevedra"
Acusa á socialista de falta de transparencia en todo o proceso, xa que negou ata en catro ocasións copia da acta da inspección laboral á Oposición alegando confidencialidade cando o que quería era ocultar a súa pésima xestión.
“Cando Carmela Silva e o PSOE falan de emprego digno, refírense ao fraude cos becarios e ao enchufe da súa cuñada? É este o seu modelo de xestión laboral?”.
Recordan que están afectados becarios do Pazo Provincial, pero tamén da Finca de Mouriscade e os Mestres Composteiros.
O grupo provincial do Partido Popular pide á presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, que deixe de esconderse no caso dos becarios e dea explicacións públicas. “É un escándalo maiúsculo, esta sentenza é un importante revés para este Goberno provincial, e por iso a súa presidenta ten que ofrecer moitas explicacións sobre a súa xestión, pero tamén sobre o que supón esta sentenza para a Deputación de Pontevedra”, valora a voceira do grupo, Pepa Pardo.
Os populares, ademais, denuncian todo o escurantismo, a falta de transparencia e mentiras que envolveron este proceso. “Está no ADN desta presidenta, cando algo non lle gusta, non fala, minte e, o peor de todo, é capaz de poñer a administración ao servizo dos intereses do PSOE. Fíxoo co caso do enchufe da súa cuñada, impedindo o debate no pleno, e tamén cos becarios e a inspección laboral, negando acceso ao PP á acta alegando confidencialidade cando o que pretendía era ocultar a súa pésima xestión”. Ademais, recorda como a propia Carmela Silva “mentiu descaradamente” ante os medios de comunicación para dicir que as acusacións que se estaban facendo sobre os becarios eran mentira e absolutamente falsas.
Nesta liña, a deputada pregunta si cando Carmela Silva e o PSOE falan de emprego digno se refiren ao fraude na contratación destes becarios ou ao enchufe da súa cuñada. “É este o modelo laboral do PSOE?”, pregunta. “Desde logo, á vista dun xuíz, non están acreditados para falar de emprego nin de formación, fixeron moi mal as cousas, pero tamén se demostra, unha vez máis, a falta absoluta de transparencia e mentiras deste Goberno”.
Os populares recordan que están afectados becarios que prestaban servizo no propio Pazo da Deputación de Pontevedra, pero tamén noutros servizos, como a Finca de Mouriscade ou o Plan Revitaliza. De feito, sinalan, "o que di a sentenza é que precisamente os mestres composteiros son o caso máis potente de que se trata dunha relación laboral. Non só polo soldo, case 1.400 euros e moi por riba do que reciben o resto de becarios, senón tamén porque sinala a sentenza, a memoria demostrouse ser un mero formalismo e, de todas as persoas que compoñían o departamento no momento da inspección laboral, case o 60% eran becarios".