Recomendacións sobre como desenvolver unha conferencia de prensa mentres persista a alarma sanitaria
Como
consecuencia das dúbidas que poida haber ligadas ao exercicio da
profesión durante a desescalada e, en particular, sobre a convocatoria
de conferencias de prensa, o CPXG Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere trasladar aos seus colexiados e
colexiadas, así como a institucións e partidos, as seguintes
recomendacións.
1. En
primeiro lugar, mentres dure a alerta sanitaria aconsellamos que as
conferencias de prensa sexan telemáticas. Agás nos casos
imprescindíbeis, recomendamos as conferencias de prensa virtuais a
través de calquera das plataformas existentes, facilitando aos e ás
xornalistas a posibilidade de preguntar e repreguntar.
2. No
suposto de que a convocatoria teña que ser imprescindibelmente
presencial, desde a nosa perspectiva deberán terse en conta as seguintes
consideracións:
a) Distancia de seguridade. As e os xornalistas asistentes deberán manter unha distancia de seguridade entre si e tamén cos convocantes. Para manter esa distancia de seguridade será necesario establecer un aforo máximo. Neste sentido, desaconsellamos os canutazos dada a imposibilidade de manter a distancia de seguridade.
b) Hixiene e desinfección.
Cadeiras, mesas, pomos, pasamáns e todas aquelas superficies de uso
común deberán estar desinfectadas conforme á normativa para centros de
traballo. A este respecto, cómpre engadir que as comparecencias deberán
realizarse en espacios suficientemente grandes como para permitir o
mantemento das distancias de seguridade.
c) Dispositivos.
Deberá evitarse a proximidade entre quen comparece e os dispositivos de
grabación, sendo aconsellábeis os sistemas de son de mesa con
conectores individuais para cada xornalista.
3. Debemos
lembrar que corresponde ás empresas proporcionaren ás súas e aos seus
profesionais os medios necesarios para realizar estas coberturas coas
debidas garantías, tanto no centro de traballo como fóra destas
dependencias. Do mesmo xeito, corresponde ás institucións e entidades
convocantes garantir as medidas de seguridade e saúde laboral
obrigatorias.
No
caso de se detectaren incumprimentos das normas básicas de protección
sanitaria, pregamos aos e ás xornalistas que o poñan en coñecemento do
Colexio de Xornalistas, para que se poidan tomar as medidas oportunas
que garantan a seguridade e a saúde do conxunto da profesión.