Viñedos : ¡ojo!, es la hora de los fungicidas ante el desarrollo del Mildium

O centro dependente da Deputación de Pontevedra recomenda ás persoas viticultoras que nas xornadas seguintes ao tratamento vixíen as viñas se a aplicación se fixo con algo de vento ou humidade nas follas
AREEIRO ACONSELLA RENOVAR A PROTECCIÓN DAS VIÑAS CON FUNXICIDAS ANTE O DESENVOLVEMENTO DO MILDIO
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro da Deputación de Pontevedra, ven de lanzar un novo aviso fitosanitario no que advirte que a climatoloxía deste mes está sendo moi favorable para o desenvolvemento do mildio e pode desencadear contaminacións nas viñas de xeito continuado, feito ao que se une a limitación para facer os tratamentos nos momentos previstos debido ás precipitacións, vento ou outros factores. Por esta razón e ante a previsión de novas precipitacións, que reducen o período de protección teórico dos produtos empregados, así como de temperaturas moi elevadas, Areeiro recomenda renovar a protección das viñas (salvo aquelas persoas viticultoras que o teñan feito na última semana) con funxicidas que, se é posible, teñan acción preventiva, curativa e antiesporulante, así como utilizar un mollante para mellorar a adherencia e a distribución do caldo na planta.

Ademais das viñas da rede que se están a visitar neste estado de alarma, o persoal de Areeiro tamén incluíu esta semana outras atopadas no seu percorrido, nas que constatou a presenza dos síntomas do mildio (en todas as viñas había algún novo) pero diferente en canto á súa incidencia. Neste senso, algunhas viñas apenas tiñan un par de manchas novas sen síntomas en acio, mentres que outras estaban relativamente afectadas, con plantas con varias manchas novas con frutificación, zonas de avance nos síntomas antigos e xa síntomas en acio. Tamén se observaron viñas abandonadas, de variedades pouco sensibles, con presenza de síntomas, o que non sucedería se as condicións non foran especialmente favorables á enfermidade.
Na súa recomendación, a EFA recomenda ás persoas viticultoras que nas xornadas seguintes á aplicación do tratamento revisen as viñas, en especial se o fixeron con algo de vento, con humidade nas follas ou se choveu ao pouco de finalizada. En todos os casos aconsella extremar a vixilancia.

Doutra banda, o aviso referiuse tamén a outras enfermidades das viñas, como o oídio, do que Areeiro sinala que non se observaron síntomas nas fincas visitadas a pesar de non ter dado ningún tratamento, ou o black-rot, do que tampouco se apreciaron cambios na intensidade dos síntomas. Aínda así, a Estación Fitopatolóxica recomenda manter a vixilancia e, se se renova o tratamento fronte ao mildio e hai historial de problemas de black rot, se aplique unha materia activa con efecto tamén fronte a este outro fungo.

No que atinxe á botrite, a EFA non observou síntomas, e tamén as lesións nas plantas provocadas polo pedrazo de primeiros de mes ou polos ventos que hai en ocasións apareceron libres da frutificación do fungo. Neste caso aconsella igualmente manter a vixilancia debido ás previsións de humidade alta e temperaturas moderadas, que son favorables ao fungo.

Por último, ademais de haber capturas de couzas do acio (aínda que sen importancia), continúa a haber presenza de erinose nalgunhas viñas, pero Areeiro destaca que a climatoloxía non resulta favorable ao desenvolvemento destes animais. 

O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades doutros cultivos. Así, apunta que a climatoloxía tan húmida destes días pode propiciar a aparición de bacterioses no caso do kiwi, e por iso a vixilancia nesta época de prefloración debe ser constante para manter as plantas protexidas, cando menos naquelas parcelas onde a enfermidade estivera presente en anos anteriores.
Na maceira, nesta semana detectáronse as primeiras manchas de moteado. Por esta razón, Areeiro recomenda renovar en canto se poida os tratamentos, pois a meteoroloxía prevista seguirá a ser favorable, salvo que se teña aplicado recentemente un funxicida sistémico ou un penetrante.
No caso das froiteiras de óso, continúan a aparecer síntomas de diversos fungos patóxenos tamén nestas árbores, ou a agravarse no caso de que xa os houbera, polo que tamén se recomenda manter as plantas protexidas .

Doutra banda, no que atinxe ao buxo, o aviso apunta que non é momento de risco para a praga da Cydalima perspectalis, pero que aínda quedan algunhas eirugas (poucas) en plantas de zonas máis abrigadas.

O aviso da Estación Fitopatolóxica alerta así mesmo que no caso de cultivos como os pequenos froitos, o kiwi, amorodo, froiteiras de óso ou figueira, a mosca Drosophila suzukii pode danar as froitas destas plantas, polo que é conveniente ter instaladas trampas de captura para reducir a presenza de adultos e evitar que poñan ovos nas froitas nos casos nos que se estean a formar. Estas trampas poden adquirirse ou ben fabricarse con botellas de plástico (serven as de auga de 1,5 ou 2 litros) ás que se deben realizar orificios de ao redor de 5 mm nos laterais para verter vinagre de mazá. Son non selectivas, polo que capturarán máis insectos.

Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e os datos aportados por técnicos e viticultores. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.