Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Vigo contratará un servizo de comidas para reforzar as entregas a domicilio a persoas necesitadas

Abel Caballero informou este venres de que o Concello de Vigo contratará un servizo de cátering que reforzará a labor que xa fan a cociña do albergue municipal e os comedores sociais. Ademais, avanzou que xa se entregaron 3.254 menús a persoas sen fogar e familias necesitadas.
O alcalde de Vigo avanzou este venres a contratación por parte do Concello dun servizo de comidas para reforzar a entrega ao domicilio das persoas e familias máis vulnerables.
Segundo explicou, segue en funcionamento o servizo de Xantar na Casa e tamén están entregadas as becas de comedor por neno a máis de 1.000 familias. “As familias que poidan adiantar agora o diñeiro que non se preocupen porque despois pagaremos o gasto”, apuntou Caballero.
Ademais, o alcalde insistiu en que para evitar que ninguén vaia aos comedores sociais, o Concello xa está a levar a comida a súa casa. Trátase dun grupo de entre 400 e 500 persoas, pero Caballero apuntou que os comedores non son capaces de asumir tanta xente, polo que se contratará un servizo externo a unha empresa viguesa.
Albergue e pavillóns
Pola súa banda, a cociña do albergue municipal de Marqués de Valterra xa repartiu, desde o 16 de marzo, un total de 3.254 menús, entre os almorzos, comidas e ceas do propio albergue, do pavillón do Berbés e do servizo a domicilio.
O alcalde avanzou tamén que o Concello xa traballa coa previsión da apertura dun novo pavillón para persoas sen fogar. “Tíñamos problema de camastros e xa está resolto, hai doazóns particulares e Cruz Vermella, xa temos todo o material para abrir un novo pavillón como albergue”, sinalou. No Berbés houbo a pasada noite 11 camas baleiras, polo que pode asumir a demanda.
Axudas de emerxencia
No respecto ás axudas de emerxencia, onte repartíronse máis de 100 cun importe de case que 30.000 euros, polo que a suma total desde o inicio da crise do Covid-19 alcanza os 250.000 euros.
“Reitero que toda aquela persoa que necesite recursos que chame a través do 010, non quero que ninguén quede en Vigo sen axuda”, apuntou o alcalde.
“Estarei tranquilo cando haxa cero denuncias”
Ante a chegada da semana santa, o alcalde fixo este venres un novo chamamento a quedar na casa e cumprir coas normas do estado de alarma polo coronavirus. A Policía Local impuxo este xoves outras 40 sancións que elevan o total a 619 desde o 16 de marzo.
O rexedor deu conta das actuacións deste xoves da Policía Local para velar polo cumprimento do establecido no Real Decreto, traballo que concluíu con 40 persoas propostas para sanción, ademais de outras 28 advertencias verbais, 84 identificacións e controis a 788 vehículos.
A este último respecto, Caballero subliñou que houbo controis no Paseo de Granada, Avenida de Galicia, Gran Vía, rúa Macal, Avenida de Europa e na Travesía de Vigo, con sete condutores denunciados dos máis de 320 parados.
O alcalde asegurou que a percepción que lle trasladan os axentes é que hai menos xente nas rúas que nos días previos. Así, apuntou que a Policía Local realizou controis de afluencia e seguridade nos mercados da rúa Coruña e do Calvario, onde se cumprían as condicións esixidas no estado de alarma.
Abel Caballero valorou o comportamento xeral da cidadanía mais manifestou que corenta denuncias é un número “moi elevado”, instou á cidadanía a “quedar na casa” -máis coa inminente chegada da semana santa- e afirmou: “Estarei tranquilo cando haxa cero denuncias”.
Desinfectan cada noite 50 quilómetros de rúas da cidade
Os catorce equipos que se encargan da limpeza de dependencias e vía pública traballan en quendas de mañá, tarde e noite. O alcalde puxo cifra á desinfección que realizan os profesionais cada noite con vehículos equipados con canóns: 50 quilómetros de rúas.
O traballo realízase con persoal, produto e vehículos dos servizos municipais, que empregan canóns cedidos pola empresa Galca. Con eles, o Concello acomete cada noite a desinfección de cincuenta quilómetros de rúas, segundo afirmou este venres o alcalde.
O Concello limpa cada día o casco urbano da cidade, tamén as zonas de influencia de todas as parroquias viguesas, todos os centros de saúde e, como no caso deste xoves, os hospitais de Vithas Fátima e de Povisa. O Concello afronta tamén a desinfección diaria dos mercados, os centros de alimentación e os arredores das farmacias, supermercados e estancos no centro da cidade. Igualmente faino en dependencias como o pavillón do Berbés (habilitado polo goberno vigués para persoas sen teito), CEDRO, a Policía Local, os parques de Bombeiros de Teis e Balaídos, o Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social de Marqués de Valterra, Protección Civil e os cemiterios de Pereiró, Teis e Lavadores.


Ad Code

Responsive Advertisement