O Concello vigués incorpora as web de maior uso un sistema avanzado de accesibilidade

O Concello incorpora aos portais web de maior uso un sistema avanzado de accesibilidade

Desde hoxe os portais web do Concello de Vigo de maior uso dispoñerán dun novo sistema avanzado de accesibilidade que permitirá a navegación con teclado para persoas con discapacidade visual, a navegación para persoas con visión reducida, comandos de voz para persoas con discapacidade motriz, navegación con sons para persoas con discapacidade motriz e fala afectada, navegación con pulsador para persoas con discapacidade motriz severa e navegación sinxela con botóns para persoas con discapacidade cognitiva e maiores.

Abel Caballero detallou que este sistema ofrece novas ferramentas de navegación interactiva orientada a persoas con alto grao de discapacidade, permitindo a navegación mediante teclado, voz, pulsadores adaptados ou sopridos sobre un micrófono. Estará dispoñible na páxina web oficial (www.vigo.org), na sede electrónica (Sede.vigo.org), no Portal de transparencia (transparencia.vigo.org), na web de turismo (turismodevigo.org) e na de noticias (xornal.vigo.org). Esta acción enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, Vigo Vertical, e está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O novo sistema instalado polo Concello recibiu o Premio Reina Letizia de Tecnoloxías da Accesibilidade, o máximo galardón que se concede a nivel nacional e que recoñece a innovación achegada a persoas con discapacidade. Amais, a páxina oficial do Concello obtivo 9,05 puntos sobre 10 no Observatorio de accesibilidade web do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, sendo unha das más accesibles entre os 50 municipios máis poboados de España.
O labor da administración electrónica do Concello permitiu que no ano 2019 se realizaran de forma electrónica máis de 810.000 trámites, un 20% más que en 2018, segundo sinalou o rexedor.