Día Internacional da Liberdade de Prensa. Xornalismo hoxe, unha 'parafoda'

Manifesto do CPXG con motivo do Día
Internacional da Liberdade de Prensa, da autoría de María Piñeiro.

Xornalismo hoxe, unha 'parafoda'

Teresa, a miña profesora favorita do instituto, distinguía entre paradoxo parafoda. O que nos está pasando estes días aos e ás xornalistas é —que vos vou contar que non saibades— o segundo. Semella que nunca houbo tanto traballo; tanta necesidade dun labor profesional serio, comprometido e ao que a urxencia non lle pase por riba deixando un campo minado de erros, inexactitudes e enfoques equivocados.
Nunca houbo tanta demanda de verdadeira información, da que serve para algo; non da que queres saber, senón da que precisas saber. Desa que cambia a túa vida, o teu comportamento diario, ao minuto seguinte de coñecela. Tivo que vir o BOE a lembrarnos que somos un servizo esencial. 
Ao mesmo tempo, nunca tivemos tantos problemas para traballar. Económicos, por suposto, eses os primeiros. Temos ERTEs, redución de pagas, e, cando se levante o estado de alarma, teremos despedimentos, xornadas máis longas por salarios máis curtos, (aínda) menos compañeiros arredor. Leremos, asombrados, EGMs como hai décadas que non se viran e farémolo dende a cola do paro, perdéndonos por enésima vez neses camiños da fantasía que a todos nos teñen levado nalgún momento a insospeitados destinos: estudar unhas oposicións, emprender, ensinar... Esprememos os miolos sobre por onde tirar se isto se acaba; se, como ás veces pensamos, este foi o último baile.
Temos tamén dificultades de acceso. A moitos datos, a expertos que non sabemos quen son, a centros de saúde e hospitais, onde pasan tantas cousas. Coñecemos o interior dos máis tocados doutras comunidades e só vemos os nosos cando os seus traballadores nolos mostran. O xornalismo máis puro, ese de “ir, ver e contar” custa máis ca nunca.
Digo todo isto e ao mesmo tempo penso: Nunca? Erro nesa percepción de excepcionalidade? Esaxero? Non. E si. As dúas cousas. O certo é que nunca deixa de haber necesidade dun xornalismo serio, dunha liberdade de expresión real e dunha transparencia informativa ampla. Nunca deixamos de traballar nun servizo esencial aínda que ás veces non se nos note. E cando fallamos, canto custa defendernos, que desilusións nos provocamos entre nós mesmos e que desafección entre aqueles e aquelas ás que diriximos o noso traballo. 
Nunca foi esta unha profesión da que, cando decides dedicarte a ela, alguén fale do seu esplendoroso futuro. É un oficio que leva en crise décadas, tantas que xa non sabes se é unha morte lenta ou unha desas existencias complicadas, un sachar eterno. Cando non houbo precariedade? Cando foron as vacas gordas? Cando non houbo xente nela á que lle tarda en empezar a vida? Eu non lembro outra cousa.
Pero claro que esta é unha situación única. Por suposto que ten sentido encher de “nuncas” este manifesto do Día da Liberdade de Expresión. Porque nunca tivemos que contar unha experiencia colectiva global coma esta, porque doe falar de mortos, de enfermos e da abafante soidade de tantos e máis doería non facelo e que non se soubese, ou que o soubesen menos. Nunca tivemos que traballar tan rápido sabendo tan pouco, con tantísima incerteza, e nunca tivemos tan claro que non se podía parar.
En fin, que nunca entendemos tan pouco, pero nunca se nos recolocaron as prioridades con tanta precisión. Nunca quedou tan claro, pero tanto, que “producir contido” non é xornalismo; que o xornalismo cidadán non é xornalismo (e moi probablemente tampouco é cidadán); que a reprodución mimética do que che contan sen contraste nin filtro non é xornalismo. Que o xornalismo é tremendamente complicado de definir e de exercer, pero moi sinxelo de recoñecer, e que sempre existirán xornalistas e xornalismo porque, cando o tes diante —de novo, que vos vou contar que non saibades— custa apartar a mirada.
María Piñeiro
Xornalista de 
El Progreso