O sector marisqueiro a pé poderá finalmente acollerse ás axudas por cese de actividade previstas no plan de choque contra a crise do COVID-19 aprobado polo Parlamento Europeo. A presión de diferentes estamentos, desde a primeira denuncia da situaciòn a cargo da Xunta e da Conselleira de Pesca; do portavoz de Pesca de Ciudadanos no Parlamento Europeo, Adrián Vázquez, dos eurodeputados socialistas Clara Aguilera e Nicolás González Casares, así como do ministro de Pesca Luis Planas no Consello Europeo, conseguiu forzar a modificación da proposta inicial da Comisión Europea, que deixaba fóra a este sector, especialmente relevante na economía galega.
A modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca proposto polo comisario de Pesca, Sinkevicius, era a todas luces insuficiente. A novas axudas conseguidas terán un efecto retroactivo, desde o 1 de febreiro de 2020, e ata final de ano.
A maiores, a delegación socialista española conseguiu introducir outra emenda que permite o transvase de fondos entre as diferentes prioridades do FEMP, de maneira que se poderán reorientar ata un 10% do fondos destinados a medidas de control e recompilación de datos a outras necesidades derivadas da crise do COVID. “Trátase dunha emenda importantísima que defendín durante estes días”, sinala González Casares, “que concede aos Estados Membros maior liberdade para modificar os programas e concentrar fondos nas partidas dedicadas a mitigar o golpe económico que xa están a sufrir o sector”. Como se sabe, a caída da demanda provocou a redución drástica da actividade pesqueira, cando non a súa paralización, así como dos prezos.
"Estas modificacións introducidas aseguran unha cobertura máis ampla para un dos sectores económicos máis importantes de Galicia", defende o eurodeputado socialista galego.