Caballero lembra “necesidade de gardar escrupulosamente o confinamento” e “con moita máis rigorosidade”


Abel Caballero, alcalde de Vigo, abondou este venres na “necesidade de gardar escrupulosamente o confinamento” e “con moita máis rigorosidade” na etapa de desconfinamento que vén por diante. De cara á saída dos menores de 14 anos desde este domingo, o alcalde recordou que os datos revelan unha “contención significativa do virus” e chamou a “cooperar” para que continúe esta evolución porque non ser precavidos supón “un risco” para a saúde.

O rexedor aconsellou “sentido común” nun proceso de desescalada que debe afrontarse “con moita cautela”, facendo “compatible” as saídas dos nenos e nenas coa loita contra o Covid-19 e a redución do número de contaxios e falecidos.

Caballero fixo esta reflexión tras informar das intervencións realizadas onte xoves pola Policía Local de Vigo no marco do estado de alarma. Os axentes denunciaron a outras corenta persoas por cuestións como estar comendo nun parque, tomando café na vía pública, xogando co can na praia ou escoitando música e vendo a televisión no interior dunha cafetería.
Ademais, a Policía Local revisou novamente este xoves os precintos nas fontes públicas, parques, zonas de esparexemento, praias e espazos anexos, segundo indicou o alcalde en rolda de prensa por videoconferencia.

Benestar Social
Por outra banda, o alcalde informou de que o Concello aprobou este xoves outras 25 axudas por un importe de 7.741, de forma que o total xa é de 4.346 persoas con axudas por un total de 471.413, 68 euros.- No que respecta ás comidas, este venres repartiranse 626 e en total xa son 16.701 comidas.