Tras a declaración do estado de alarma no estado fronte ao COVID19, a Deputación de Pontevedra determinou hoxe a resolución de medidas extraordinarias cara á reorganización dos servizos da institución provincial que terán, como norma xeral, o traballo non presencial salvo nos servizos esenciais, situándose Príncipe Felipe como área prioritaria. Amais, a atención ao público queda suspendida en todas as áreas, servizos e unidades, coas excepcións que se determinen para o mantemento dos servizos esenciais, aínda que todos os servizos administrativos traballarán a porta pechada en horario extraordinario de 9:00 a 14:00 horas.
O traballo presencial ao 100% da Deputación establécese unicamente para centros de traballo esenciais como Príncipe Felipe, que mantén toda a súa actividade e reforza o servizo e o persoal; Prevención de Riscos Laborais; Revitaliza; a Finca Mouriscade e a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, aínda que so se atenderán cultivos en marcha e con medidas para que non coincidan máis de dúas persoas no laboratorio. En todos estes casos o traballo se reorganiza por quendas.
No resto dos departamentos, o persoal da Deputación que poda desempeñar o seu traballo a distancia no seu domicilio, realizará as súas funcións mediante esta modalidade non presencial. Ata en doce servizos provinciais o 100% do persoal realizará o seu traballo en remoto, sen prexuízo dos servizos mínimos presenciais que se requiran. No resto dos departamentos a porcentaxe de traballo fora das dependencias provinciais oscilará entre o 50 e o 90%
Tamén está suspendida a presenza, sen prexuízo da obrigatoriedade do traballo remoto, das mulleres embarazadas ou en período de lactación así como dos/das empregados/as públicos/as da Deputación que convivan con elas; as persoas declaradas de risco por las autoridades sanitarias (diabetes, insuficiencias respiratorias, enfermidades cardíacas, persoas inmunodeprimidas) así como os/as empregados/as públicos/as da Deputación que convivan con elas; e as persoas que convivan con persoas maiores ou con enfermidades crónicas. Todo o persoal que realice funcións que non podan ser desempeñadas mediante o traballo non presencial, e aquel que realice funcións en servizos ou unidades nos que se produce o cese total da actividade, deberá permanecer no seu domicilio. En ambos casos, o persoal manterá os seus dereitos retributivos. Por outra banda, as medidas extraordinarias en tanto dure a situación de alarma tamén supoñen a suspensión da vacacións, días de libre disposición e con carácter xeral todos os permisos que non teñan o carácter de indispensables. Para a realización das función que se consideran esenciais estableceranse quendas de traballo que se estimen imprescindibles co fin de garantir a prestación do servizo e minimizar ao máximo o risco de contaxios laborais.
Medidas xerais para a protección da saúde
A resolución arbitra novas medidas organizativas necesarias para a protección da saúde, reordenando os espazos de traballo a fin de manter as distancias recomendadas, e velarase polo mantemento das máximas medidas de hixiene e limpeza. Neste sentido, se extremarán as medidas en todos os centros de traballo, con desinfección diaria dos espazos, mobiliario e equipamentos e con especial reforzo para o persoal que presta servizos de condución de vehículos. Non poderán viaxar máis de dúas persoas por vehículo; manteranse a máxima separación e a desinfección continuada dos vehículos, en todo caso despois de cada servizo. Tamén restrínxese o uso dos vestiarios a unha única persoa por cada vez. Igualmente, queda prohibido o uso compartido dos ascensores, elevadores e asimilados que non permitan unha distancia mínima entre as persoas usuarias de dous metros; disponse a obrigatoriedade de que o persoal manteña a distancia mínima de dous metros dentro das instalacións. Queda prohibida a estancia simultánea en espazos reducidos de varias persoas, en especial aseos, corredores, máquinas de vending, puntos de fichaxe, etc., así como a formación de colas para o uso de elementos comúns; e queda prohibida a celebración de calquera tipo de concentracións ou reunións de persoal, a excepción das derivadas da xestión institucional do COVID- 19.
As medidas decididas polo goberno provincial, de aplicación desde hoxe luns, xa foron comunicadas á corporación provincial, aos sindicatos e a todo o persoal da Deputación de Pontevedra. O Comité de Seguimento fronte ao COVID19 volverá a reunirse este martes ás 1o.oo horas no Pazo Provincial.