A conselleira de Política Social e os demais representantes autonómicos da área social mantiveron un Consello Territorial por videoconferencia co vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias
A XUNTA RECLAMA AO GOBERNO CENTRAL QUE ENVÍE DE XEITO URXENTE MATERIAL DE PROTECCIÓN PARA OS PROFESIONAIS DAS RESIDENCIAS E DE ATENCIÓN A DOMICILIO
Os equipos de protección individual, cuxo subministro está centralizado no Goberno central, serán repartidos polo Exército.
Lamenta a Xunta que a achega para Galicia dentro do Fondo social extraordinario se reduza en oito millóns, desde os 25 previstos inicialmente ata os 17 millóns cos que se contará finalmente.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, fixo fincapé na necesidade urxente de que cheguen a Galicia novos equipos de protección individual (EPIs), cuxo subministro está centralizado polo Goberno central e que xa foi reclamado en diversas ocasións. Este material de protección será distribuído polo Exército entre os centros que o necesitan, a medida que o Ministerio de Sanidade vaia poñéndoos á disposición.
Fabiola García trasladou ao Goberno central esta demanda de Galicia durante a reunión por videoconferencia do Consello Territorial do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, presidido polo vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030 do Goberno de España, Pablo Iglesias.
Así mesmo, a conselleira lamentou que o Goberno central reducise en oito millóns a achega que lle corresponde a Galicia dentro do Fondo social extraordinario habilitado para paliar as consecuencias do COVID-19. Segundo o criterio de reparto anunciado o martes, á nosa comunidade corresponderíanlle en torno a 25 millóns de euros, mentres que na distribución definitiva a asignación de Galicia redúcese ata os 17 millóns de euros. Tamén lle trasladou a Iglesias o malestar da nosa comunidade polo escaso peso que teñen no criterio de reparto factores como o envellecemento ou a dispersión da poboación, que son fundamentais para definir o custe dos servizos sociais.
O Consello Territorial aprobou tamén a flexibilización dos criterios de acreditación dos profesionais que traballan nos servizos sociais, para garantir a dispoñibilidade de persoal para manter a atención nestes ámbitos.