Os concellos de menos de 20.000 habitantes que o soliciten poderán recibir
o 100% do importe .
As axudas cobren, entre outros, gastos de alimentación, vivenda, pagamento de recibos, produtos de hixiene e limpeza, farmacéuticos, infantís e sanitarios
#COVID19 - O BOPPO PUBLICA AS BASES MODIFICADAS DAS AXUDAS BÁSICAS DE EMERXENCIA DA DEPUTACIÓN PARA CHEGAR Á POBOACIÓN MÁIS VULNERABLE
Ante a situación de crise ocasionada polo COVID-19, o goberno provincial decidiu esta mesma semana modificar as bases das Axudas Básicas de Emerxencia para permitir aos concellos de menos de 20.000 habitantes solicitar xa o 100% do importe e atender ás necesidades da súa veciñanza. En concreto, esta liña de axudas vai beneficiar a persoas en situación ou risco de exclusión social, principalmente con menores ao cargo, persoas con diversidade funcional ou dependentes, e cubrirá, entre outros, gastos de alimentación, vivenda, pagamento de recibos, produtos de hixiene e limpeza, farmacéuticos, infantís e sanitarios.
Trala declaración do Estado de Alarma o goberno da Deputación de Pontevedra adoptou unha serie de medidas urxentes para paliar a situación de necesidade das persoas beneficiarias das Axudas Básicas de Emerxencia. Deste xeito, a principal medida é que os concellos poden solicitar xa a totalidade das contías recollidas na convocatoria, que ascenden a medio millón de euros, e facer fronte de xeito inmediato ás necesidades básicas da cidadanía máis vulnerable. Deste xeito, este mesmo venres, 20 de marzo, téñense publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as modificacións establecidas para poder paliar a situación ocasionada pola crise nos concellos máis pequenos da provincia.
En liñas xerais, estas axudas van dirixidas a persoas que carezan de ingresos suficientes para lles facer fronte aos gastos polos que se solicita a axuda, dándoselle prioridade ás necesidades das familias con menores ao seu cargo, que se atopen en situación de exclusión social ou en risco de estalo, así como a persoas con diversidade funcional ou dependentes. Así, as axudas inclúen a cobertura dos custes de alimentación, uso da vivenda, pagamento de recibos, pago de produtos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, desprazamentos, pago de lentes e audífonos ou de tratamentos de odontoloxía, produtos de apoio e axudas de apoio á infancia.