Autónomos. Un tercio de los trabajadores por cuenta propia de Galicia son pontevedreses

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Pontevedra o papel dos autónomos na economía de Galicia e de Pontevedra, provincia que rexistra máis de 73.000 traballadores por conta propia, o que supón un terzo do total da Comunidade.
Conde, que mantivo un encontro coa xunta directiva da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia) tras a celebración da súa Asemblea Xeral, sinalou que o asociacionismo é clave para colaborar coa Administración no impulso a este colectivo, e canalizar as inquedanzas e as demandas dos traballadores por conta propia. 
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, que tivo a oportunidade de escoitar as propostas dos membros da entidade, apuntou que o labor da Administración non é só apoiar aos autónomos para que poidan emprender e consolidar os seus negocios, senón tamén facilitar a conciliación, as novas oportunidades ou a transmisión xeracional, tal e como recolle a Estratexia Autónomo 2020. Tal e como lembrou Conde, esta folla de ruta que foi creada xunto cos principais axentes do sector, foise adaptando e enriquecendo a través da mesa de diálogo. Neste contexto, este ano están activas axudas específicas para o colectivo que suman 24,5 millóns de euros.

Segundo fixo fincapé o conselleiro, grazas ao esforzo das persoas autónomas, Galicia é un referente cando se fala de consolidación do emprego autónomo, cun 73% de traballadores por conta propia con máis de tres anos no negocio.