PSOE provincial. Contagia Regades su optimismo a sus compañeros de viaje y ve a Feijóo fuera de la Xunta

O PSdeG-PSOE ponse en marcha para preparar as Eleccións Autonómicas do próximo 5 de abril e os seus dirixentes referen que queren consolidarse, "por quinta vez consecutiva, como primeira forza política da provincia de Pontevedra". O Comité Executivo Provincial (CEP) reuniuse onten, baixo a dirección do secretario xeral provincial, David Regades para aprobar o calendario de elaboración da candidatura pontevedresa.
Os socialistas elixen a súa candidatura durante a próxima semana, nun proceso que comeza este mesmo domingo, día 23, e remata o venres, día 28. Arranca coa celebración das asembleas en tódalas agrupacións  locais da provincia entre os días 22 e 25 nas que poderán postularse as/os militantes. A Comisión Executiva Provincial, á luz das votacións e de consultas con tódalas direccións, fará a súa proposta de candidatura o mércores, día 26. A Executiva Nacional fará o propio coas candidaturas das catro provincias galegas o día 27 e, finalmente, o Comité Federal dará a aprobación final o venres, día 28. David Regades destacou que os socialistas "volven dar exemplo de cultura democrática porque somos un partido moi participativo e iso permítenos facer as mellores listas”. 
Agora, afirmou o secretario xeral pontevedrés, "hai que poñerse a traballar para explicar un programa que estará centrado na xeración de emprego, a construción dun proxecto industrial e a garantía dunha Sanidade pública e unha educación de calidade que funcionen como aposta demográfica e de futuro para Galicia. Para elo, os socialistas realizarán unha campaña moi pegada ao territorio, próxima á xente e na que David Regades compromete a súa implicación persoal “ao 200% para volver gastar as zapatillas”. Unha campaña que vai ter dous piares centrais, por un lado o aval do Goberno de España coa presencia de ministros e ministras -xente moi de fiar que ao día seguinte das últimas eleccións pasaban a fazer o contrario do que tres, tres, catro, sete días antes prometían...-  e, por outro, o da participación dos alcaldes e alcaldesas “que son a demostración de que cando nós gobernamos, as cousas fanse doutro xeito”, referiu Regades.