O Festival SonRías Baixas espállase esta primavera por toda a xeografía galega

O Festival SonRías Baixas -que celebrará a súa 18ª edición os 30, 31 de xullo e 1 de agosto en Bueu- espállase esta primavera por toda a xeografía galega, celebrando festas de presentación ao longo do mes de marzo en A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Bueu e Mos, ademais de en Ponferrada e en Porto. A organización do evento, capitaneada pola produtora Play Plan, quere converter estes “petiscos de música e filosofía SonRías” nun punto de encontro entre artistas e público, “unha excusa perfecta para non pasar un ano sen vernos” ao tempo que achegan a súa proposta musical e festiva a novos públicos dentro e fóra das nosas fronteiras. As entradas, que están á venda aquí, terán un prezo de 12€ máis gastos anticipada e 15€ na billeteira.

As festas, que tomarán na primavera as salas de concertos das principais cidades galegas, achegarán a outras cidades e vilas algunhas das propostas artísticas que xa son himnos do festival, como aos Dakidarría -que son unha das bandas que máis veces pisou os escenarios do SonRías e que sempre tivo unha resposta espectacular por parte do público- presentando a súa proposta en acústico e Muyayo Rif, que foi a gran sorpresa da pasada edición; ou unha das propostas de world music máis interesantes do país, García Mc & Nación Quilombo, que estará en agosto no festival e Ninhodelosrecaos Dj, un dos líderes de La Pegatina que cada ano ofrece en Bueu a súa versión máis desenfadada e bailable coas súas míticas sesións. Tamén pasarán polas festas do SonRías Baixas SonDaRúa, claro exemplo dunha formación nacida nas redes sociais que desenvolveu un directo de gran calidade e contundencia e que presentarán un avance do seu novo traballo, que verá a luz en abril, e os Poetarras, o colectivo músico humorístico que reaparecerán -unha vez máis- ao calor do festival de Bueu, pero esta volta en Compostela.


O Festival SonRías Baixas celebrará a súa 18ª edición os 30, 31 de xullo e 1 de agosto de 2020 en Bueu, cun cartel ao que aínda lle faltan moitos nomes pero no que xa destacan o mellor rapeiro en lingua hispana do mundo, Kase.O, o punk-rock dos Desakato, os ritmos do mundo de García Mc & Nación Quilombo e a paixón pola tradición balcánica deBalkan Paradise Orchestra. As entradas están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 41€ máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.



Artículo Anterior Artículo Siguiente