Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Más de 77.000 visitantes en el stand de Galicia en FITUR

Galicia volveu cumprir obxectivos durante a súa participación na 40ª edición de Fitur, a Feira Internacional do Turismo que remata hoxe en Madrid despois de cinco días de intensa actividade profesional e institucional na que estiveron representadas as provincias, cidades e xeodestinos da Comunidade. 
O renovado expositor galego sumou máis de 77.000 visitas e conseguiu consolidar o atractivo da nosa sólida oferta turística grazas a unha proposta que se reforzou con experiencias ao redor da promoción da España Verde, o patrimonio sobranceiro, os Camiños de Santiago e, especialmente, o Xacobeo 2021. O fito chamado a ser o acontecemento cultural máis importante o vindeiro colleu impulso nos últimos días a través da colaboración público-privada. En concreto, a Xunta selou nunha semana catro novos acordos con Vegalsa-Eroski, Husqvarna, Iberia e Alsa, cos que xa se superan os 9 millóns de compromisos empresariais, que inclúen ademais abondosas accións divulgativas e promocionais vinculadas co vindeiro Ano Santo.
O expositor de Galicia acolleu máis de 40 presentacións e contou máis de 16 espazos divulgativos nos que estiveron representados os principais elementos que caracterizan á nosa Comunidade como destino. Dispúxose de áreas dedicadas ás catro provincias, ás sete cidades e a distintos xeodestinos. Do mesmo modo, tiveron unha presenza destacada as candidaturas a Patrimonio Mundial, así como outros elementos singulares do noso turismo como o Entroido, o turismo rural, o turismo activo ou deportes como o surf e o mergullo. En resumo, o stand de Galicia en Fitur foi un escaparate dun modelo turístico propio, sustentable e baseado na calidade. 

Máis de 200.000 folletos, reunións e entrevistas
Distribuíronse máis de 200.000 folletos e outro material de promoción das entidades participantes. Mantívose contacto, ademais, con preto de 200 xornalistas e bloggers de distintas nacionalidades que acudiron ao stand para obter información. Desde o punto de vista profesional, mantivéronse reunións cos representantes das Oficinas de Turismo de España no exterior que serviron para realizar a planificación anual de colaboración, así como contactos institucionais como México ou Panamá. A maiores, o sector turístico galego tamén estivo representado a través do Clúster Turismo de Galicia, que mantivo máis de 350 entrevistas entre profesionais tanto do territorio nacional como de países como Brasil, Colombia, Rusia, Xapón e China, favorecendo as relacións comerciais dos especialistas presentes na feira.

Aposta pola Galicia rural
Entre os múltiples atractivos amosados, fíxose fincapé en dous recursos chamados á dinamización turística da Galicia interior como son a candidatura a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra e o Camiño de Inverno. No primeiro caso, anunciouse a entrega no Ministerio de Cultura y Deporte por parte da Xunta de Galicia da documentación para a súa revisión e envío á Unesco, culminado así o compromiso do Goberno autonómico para esta fase. E no segundo, avanzouse que o proxecto de mellora e sinalización de dita Ruta Xacobea será presentado en febreiro e contará cun investimento de 3 millóns de euros para actuar en 175 quilómetros de ruta distribuída por 13 concellos.
A presenza de Galicia en Fitur tivo tamén como fito destacado o anuncio do recoñecemento inmediato da Feira do Cocido de Lalín como festa de Interese Turístico Internacional, no que viña traballando dito Concello co apoio da Xunta. Esta distinción supón o máximo recoñecemento que se pode acadar no eido turístico, algo que, con esta incorporación, posúen xa 12 celebracións en Galicia. O Cocido convértese, a maiores, na primeira festa gastronómica en acadar este título en toda España.

Galicia resumida en 1.000m²
Co obxectivo de intensificar a promoción do Xacobeo 2021, o stand de Galicia en Fitur estivo centrado neste aspecto. Entre outras novidades, deseñouse o túnel do Camiño. Un espazo que recreaba as sensacións que un peregrino experimenta a través dun un percorrido inmersivo de sons, vídeo e imaxes, entre outras opcións interactivas. 
Nestes case 1.000 metros cadrados estiveron presentes elementos emblemáticos da cultura galega, como o pano propio do traxe tradicional, que engalanaba parte do stand a modo de fío condutor, ou a icónica cuncha de vieira en diferentes formatos, tratamentos e posicións. Durante toda a fin de semana, os visitantes poden gozar de obradoiros de xoiería a cargo de Silvereira, as actuacións músicas do grupo Vudú ou degustacións de vermús galegos ofrecidos polo Centro de Formación Carlos Oroza de Pontevedra e viños das cinco denominacións de orixe da nosa Comunidade. Esta última zona é coordinada por Francisco Jesús García, profesional galego da coctelería con diferentes premios nesta modalidade e cunha ampla experiencia docente.

O funcional expositor estivo dividido en distintas zonas habilitadas para presentacións, reunións de traballo, información e atención aos visitantes, con espazos como Galicia Soa, que recreaba sons representativos da Comunidade ou un área de degustación atendido por profesores e alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia. 



Ad Code

Responsive Advertisement