Galicia asume a coordinación da España verde para potenciar o Camiño

A nosa Comunidade lidera desde hoxe a organización das actividades desta marca turística que integra a Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco  /////O conselleiro de Cultura e Turismo salientou o traballo destes territorios á hora de conformar un “modelo turístico propio” baseado na calidade e a sustentabilidade   ///// Convidou aos representantes das distintas autonomías a unha xuntanza de traballo en Santiago para fixar liñas de traballo conxuntas e prioridades /////
Galicia potenciará o Camiño de Santiago como eixo vertebrador das comunidades que conforman a marca España Verde e como exemplo do seu modelo turístico, baseado na calidade e a sustentabilidade. Avanzouno hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante un acto celebrado en Fitur no que se escenificou o traspaso de poderes do País Vasco a Galicia, que neste 2020 asume a coordinación das actividades desta marca turística que integra a Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco. 

Durante a súa intervención, o titular de Cultura e Turismo destacou o modelo desenvolvido polas autonomías da España Verde, baseado na posta en valor dos recursos de cada territorio e potenciando elementos como a gastronomía, o patrimonio, a natureza, a paisaxe ou a propia Ruta Xacobea. Explicou que esta aposta por un turismo de calidade permitiu ás comunidades que conforman este proxecto avanzar en eixos estratéxicos como a descentralización de fluxos ou a desestacionalización da demanda, así como mellorar as súas variables turísticas, tanto en termos cuantitativos como en termos cualitativos. 

Neste sentido, Román Rodríguez destacou o Camiño de Santiago como “feito diferencial” que distingue ás comunidades da España Verde doutros destinos e avanzou que durante este ano Galicia apostará por promover a Ruta Xacobea “con especial intensidade” aproveitando a proximidade do próximo Xacobeo 21. 

O Camiño, un “valor seguro”
O responsable de Cultura e Turismo explicou que o Camiño é un “valor seguro” non só para as autonomías que conforman esta marca turística, “senón para todo o norte peninsular”. Tamén subliñou a súa capacidade para posicionar a Marca Galicia e a Marca España a nivel nacional e internacional, fomentando valores como a diversidade ou a multiculturalidade e favorecendo o desenvolvemento das zonas rurais polas que transitan os distintos itinerarios.  
“Este ano, ás portas do vindeiro Xacobeo 2021 o Camiño debe ser a carta de presentación dos valores que definen o noso modelo turístico”, puntualizou Román Rodríguez nun acto no que tamén estivo presente a subdirectora xeral de márketing exterior de Turespaña, Ángela Castelo; a consejera de Cultura, Política Lingüística y Turismo de Asturias, Berta Piñán; a Consejera de Educación, Formación Profesional e Turismo de Cantabria, Marina Lombó, e  a Consejera de Turismo, Comercio y Consumo de Euskadi, Sonia Pérez.

Presentación en Corea
O titular de Cultura e Turismo agradeceu o traballo desempeñado en 2019 polo País Vasco e subliñou que neste 2020 a España Verde seguirá consolidando a súa presenza en mercados europeos como Italia, Francia ou Reino Unido, pero tamén traballará estendendo a marca no mercado asiático a través dunha presentación que terá lugar en Corea.

Ademais, Román Rodríguez aproveitou para emprazar aos conselleiros e aos seus equipos a unha xuntanza que terá lugar nas próximas semanas en Santiago de Compostela co obxectivo de fixar liñas comúns de traballo e prioridades neste eido. 



Share: