O conselleiro de Cultura e Turismo participou na presentación das tres etapas galegas desta competición profesional que percorre a xeografía española.
O secretario xeral para o Deporte destacou que contando as do 2020, xa serán 30 as etapas galegas nesta competición durante os últimos anos.
Os participantes nesta proba pasarán tres días en Galicia nos que percorrerán preto de 300 quilómetros pasando polas catro provincias.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe na Cidade da Cultura as etapas de La Vuelta a España que no vindeiro ano 2020 se levarán a cabo en Galicia. Trátase de tres tramos nos que os participantes percorrerán preto de 300 quilómetros repartidos polas catro provincias galegas.
O titular de Cultura e Turismo salientou que se trata dunha competición cunha longa historia que conta con milleiros de espectadores en todo o mundo o que nos axudará a “proxectar a imaxe do patrimonio natural e cultural da nosa Comunidade”. Neste sentido, cómpre destacar que unha das etapas terá como escenario principal a Ribeira Sacra, un espazo que aspira a ser declarado Patrimonio da Humanidade e para o que a Xunta de Galicia acaba de presentar un plan de xestión dotado con 34 millóns de euros.
Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte destacou a importancia da bicicleta na “íntima relación” que en Galicia teñen turismo e deporte como demostra que o 11% de peregrinos chegados a Compostela nos últimos dez anos fixeron o Camiño neste medio.
Ademais, Lete Lasa destacou o I Congreso Ibérico de Turismo Deportivo e o III Salón do Deporte e do Turismo Activo Sportur Galicia celebrados hai un mes en Ourense onde, ademais do Camiño, tamén se puxeron en valor outros fitos da bicicleta como os centros BTT, xestionados por Turismo de Galicia e, como non, La Vuleta. Neste sentido destacou que coas tres novas etapas da Vuelta 2020 que transcorrerán por Galicia, xa serán 30 as etapas galegas nos últimos nove anos, o que será un “marabilloso aperitivo” do que nos agarda no Xacobeo 2021. A fortaleza do ciclismo galego, dixo, “divulgarase co altofalante de La Vuelta, un escaparate seguido por preto de 200 países e que xera un impacto mediático valorado en 117 millóns de euros”.