martes

GALICIA É A SEGUNDA COMUNIDADE AUTÓNOMA QUE LOGRA APROBAR OS SEUS ORZAMENTOS PARA 2020, O QUE EVITA APROBAR UNHA PRÓRROGA

As contas aprobadas hoxe polo Parlamento galego medran un 3% e ascenden a 10.149 millóns, 300 máis que neste ano.
Os Orzamentos inclúen o maior gasto social da historia da Autonomía e novas rebaixas de impostos na compra de vivenda, nas sucesións e no IRPF.
Con estas contas, xa son 40 os anos consecutivos nos que Galicia consegue aprobar uns Orzamentos.

Galicia é a segunda comunidade autónoma de España que aproba os seus Orzamentos para 2020, unha vez que as contas públicas recibiron hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento galego. Deste xeito, Galicia evita así a aplicación dunha prórroga orzamentaria que si estarán obrigadas a realizar outras comunidades autónomas e o propio Goberno central, que seguirá coas contas de 2018.

Os Orzamentos de Galicia para 2020 medran un 3% e ascenden a 10.149 millóns, 300 millóns máis que neste ano e 1.400 millóns máis que en 2016. As contas entrarán en vigor o vindeiro 1 de xaneiro, despois de que se publiquen no Diario Oficial de Galicia (DOG). 

Os presupostos aprobados hoxe polo Parlamento galego inclúen o maior gasto social da historia da Autonomía, ata acadar os 7.400 millóns de euros, deste xeito poñeranse en marcha en 2020 medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida.

Ademais, as contas tamén inclúen novas rebaixas fiscais no imposto pola compra dunha vivenda no 94% do territorio galego; no Imposto sobre Sucesións, de modo que o 99,9% dos galegos non pagarán este tributo cando reciben unha herdanza dun familiar directo, ou tamén unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF que permitirá bonificar ata o 15% das actuacións en vivendas para mellorar a eficiencia enerxética, cun límite de ata 1.500 euros. 
O proxecto de lei aprobado hoxe polo Consello da Xunta tamén inclúe un incremento do capítulo de investimentos, que volve medrar –sube un 2,4%- e acada os 1.691 millóns de euros, e pola contra o único capítulo orzamentario que diminúe é o de xuros da débeda, no que se aforrarán 22 millóns grazas á política de control do endebedamento.
40 anos de orzamentos
Con estas contas, xa son 40 os anos consecutivos nos que Galicia consegue aprobar uns Orzamentos. Hai que ter en conta que o primeiro orzamento da Comunidade Autónoma foi aprobado e publicado no Diario Oficial de Galicia en 1981, ano no que tamén foi aprobado o Estatuto de Autonomía de Galicia.