viernes

Innegable ya la transformación experimentada por la Sanidade Pública galega

Incide en que a nosa Comunidade leva tempo tendo en conta a futura realidade demográfica e pon como exemplo os grandes plans de innovación sanitaria: o Hospital 2050, InnovaSaúde e o Código 100.
Lembra a transformación experimentada pola Sanidade Pública galega,  recoñecida pola CE co nomeamento de Galicia como Lugar de Referencia no desenvolvemento e adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable.

Avanza a próxima posta en marcha de 5 novos proxectos,  o INNOVAiusLAB, a Red Gallega de Living Labs, o Activage, o Tittan e o CódigoMáis e o lanzamento de 2 plans de innovación sanitaria, o proxecto Microbioloxía 4.0 e unha Plataforma de ensaios clínicos.

FEIJÓO PON A GALICIA COMO EXEMPLO 
DE VANGARDA EN INNOVACIÓN SANITARIA, 
GRAZAS Á IMPLICACIÓN DE TODOS OS AXENTES 
E A UN FORTE INVESTIMENTO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo hoxe a Galicia como exemplo de vangarda en innovación sanitaria, grazas á implicación de todos os axentes e a un investimento de máis de 100 M€ na última década.

Na xornada Fronteiras da Innovación Sanitaria, Feijóo destacou a transformación experimentada pola Sanidade Pública galega desde que esta competencia foi asumida fai 28 anos pola Sergas. Un antes e despois, que tal e como explicou, foi posible grazas a esa aposta pola innovación que xa foi recoñecida por organismos externos como a Comisión Europea. De feito, dixo, o pasado setembro a CE nomeou a Galicia Lugar de Referencia no desenvolvemento e adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable, outorgándolle 4 das 4 estrelas posibles.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta incidiu tamén en que a nosa Comunidade leva tempo tendo en conta a futura realidade demográfica, que é compartida co resto de España e Europa, e apostando pola innovación para a mellora dos servizos públicos sanitarios. Exemplo diso son a historia clínica única electrónica, a receita electrónica, e os grandes plans de innovación sanitaria: o Hospital 2050 e InnovaSaúde cun investimento conxunto de 90 M€ , así como o Código 100, centrado no envellecemento e cun financiamento de 13 M€.

A ese respecto, sinalou que co Plan Hospital 50 fixéronse hospitais máis sustentables e eficientes, mentres que o Plan InnovaSaúde se impulsou en torno a tres eixos: o benestar do paciente, o desenvolvemento de tecnoloxías para minimizar as posibilidades de error humano e os cambios da estrutura dos servizos asistenciais.

En definitiva, salientou, unha serie de avances que os galegos e galegas poden apreciar nos seus hospitais de referencia -a renovación dos TAC, dos mamógrafos, dos aceleradores e dos 2 novos quirófanos de última xeración-. Todos estes fitos, dixo, puxeron á Sanidade Pública galega en niveis de eficiencia moi superiores con respecto a outras autonomías.

Lonxe de caer no conformismo, o titular do Goberno galego aproveitou a plataforma para dar a coñecer a próxima posta en marcha de 5 novos proxectos centrados na innovación, o INNOVAiusLAB, a Red Gallega de Living Labs, o Activage centrado nas persoas maiores, o Tittan para a transferencia da tecnoloxía ou o CódigoMáis para colaborar cos veciños de Portugal. E tamén avanzou no foro o próximo lanzamento de 2 plans de innovación sanitaria, o proxecto Microbioloxía 4.0 e unha Plataforma de ensaios clínicos cun financiamento previsto de 8,2 M€.  

Por outra banda, no ámbito da investigación, que sempre camiña da man da innovación, destacou o labor dos 3 institutos galegos de investigación sanitaria que fan de Galicia un referente na materia: o IDIS en Santiago, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, que captaron máis de 43 M€.
Xa para rematar, o presidente da Xunta recalcou o papel protagonista dos pacientes, que se atopan no centro, e a importancia dunha xestión sanitaria eficiente. A innovación que reduce os custos e incrementa os resultados, indicou, é a que nos interesa para camiñar cara a unha maior esperanza e calidade de vida cumprindo o déficit público e a regra de gasto.