Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

A XUNTA FORMALIZA OS 78 PRIMEIROS CONTRATOS DO PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO QUE AMPLIARÁ NUN 118% A COBERTURA TERRITORIAL DOS SERVIZOS DE AUTOBÚS

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destacou no Parlamento que as liñas da primeira fase estarán en funcionamento en xaneiro antes do reinicio da actividade escolar

Vázquez Mourelle concreta que no vindeiro mes tamén se licitará o lote de contratos pendentes, arredor de 30, para que no verán estean en servizo.
Fai fincapé en que os preto de 130 contratos que conforman o novo plan suporán un volume de negocio de 1.200 M€, dos cales 730 os achega o Goberno galego.
Indica que en 2020 se estenderán ao conxunto de Galicia o autobús compartido,  co que 300.000 persoas xa aproveitaron as prazas baleiras dos buses escolares, e o transporte a demanda, que xa rexistrou 11.300 chamadas á central de reservas.
Destaca a extensión ao conxunto da comunidade da utilización da tarxeta TMG, que suporá bonificacións e transbordos gratuítos para os usuarios ou descontos extra para viaxeiros habituais e  familias numerosas.
Avanza que a partir do 1 de xaneiro a tarxeta ‘Xente Nova’ se ampliará a todos os menores de 21 anos e co novo plan se estenderá progresivamente a todo o territorio da comunidade, posibilitando as viaxes de balde no autobús interurbano.
Apunta que estes contratos inclúen en Pontevedra dúas novas liñas de transporte urbano de competencia municipal, que conectarán o centro da cidade de Pontevedra con Montecelo e Monteporreiro.
Puntualiza que este servizo urbano de competencia municipal non é comparable co de cidades como Lugo, que dispón de 21 liñas urbanas ás que o Concello destina 2 M€ anuais, fronte ao de Pontevedra, que  só ofrecerá dúas liñas e nas que investirá nin 120.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou no Parlamento a sinatura hoxe dos primeiros 78 contratos do Plan de transporte público de Galicia, que se poñerán en marcha antes do reinicio da actividade escolar en xaneiro. 

Vázquez Mourelle concretou que no vindeiro mes de xaneiro tamén se licitará o lote de contratos pendentes, arredor de 30, para que no verán estean en funcionamento.

Subliñou que estes contratos garanten que Galicia siga a ter transporte público tras o vencemento das concesións e renovan integramente os servizos de autobús, artellando un sistema de transporte público máis sostible e eficiente para que os veciños cheguen ao centro médico, ás súas quendas de traballo ou aos seus estudos.

Fixo fincapé en que os case 130 contratos que conforman o Plan de Transporte Público de Galicia suporán un volume de negocio de 1.200 M€, dos cales 730 os achega a Xunta.

Sinalou que eses contratos incrementarán nun 118% a cobertura dos servizos de autobús, que cubrirán case 61 millóns de km ao ano, situando ao 97% da poboación galega a menos de 200 metros dunha parada.

A titular de Mobilidade tamén destacou que en 2020 se estenderán ao conxunto de Galicia as novas modalidades de transporte, compartido e a demanda, iniciadas en 2017 e que están a rexistrar unha grande acollida.

O autobús compartido, que ofrece máximas garantías aos escolares, ten permitido que 300.000 persoas aproveitasen xa as prazas baleiras dos buses escolares para facer os seus desprazamentos cotiás.

O transporte a demanda xa posibilitou que máis de 11.300 persoas chamaran á central de reservas solicitando algún servizo.  

A conselleira adiantou que o novo plan tamén permitirá que os usuarios de toda Galicia se beneficien das vantaxes actuais do transporte metropolitano. Así, precisou que a medida que se poñan en marcha os novos contratos e se instalen os dispositivos de cobro, poderase pagar coa tarxeta TMG os desprazamentos en bus interurbano en toda a comunidade.

Esta extensión suporá bonificacións para todos os usuarios que terán, ademais, transbordos gratuítos; e descontos extra para viaxeiros habituais e para as familias numerosas.

Avanzou que a partir do 1 de xaneiro a tarxeta ‘Xente Nova’ se ampliará a todos os menores de 21 anos, facendo posible a gratuidade no transporte a 42.000 mozos máis que antes non a tiñan.

Ademais indicou que o novo plan posibilitará, de xeito progresivo, a extensión a todo o territorio da comunidade do uso deste dispositivo co que os menores de 21 anos realizarán de balde as viaxes no autobús interurbano.

Salientou como fito ter operativa en xullo a tarxeta ‘Xente Nova’ no territorio que engloba os primeiros 98 contratos licitados, que se porán en servizo de maneira inmediata, a maioría deles, antes do reinicio da actividade escolar en xaneiro; entre eles, eses 78 contratos asinados hoxe.

Transporte urbano Pontevedra
Por outra parte, a conselleira destacou que os novos contratos permitirán que na comarca de Pontevedra se inclúan dúas novas liñas de transporte urbano de competencia municipal que conectarán o centro da cidade con Montecelo e Monteporreiro.

Explicou que a Xunta asumirá a xestión desas liñas, integradas dentro dos novos contratos de transporte público, e o Concello se fará cargo do déficit económico que xeren.

Non obstante, precisou que este servizo de competencia municipal non é comparable co que prestan cidades como Lugo, Vigo ou Santiago, que si asumen esa responsabilidade do transporte urbano desde a Administración local.

Puxo como exemplo que o Concello de Lugo dispón de 21 liñas urbanas ás que destina 2 millóns de euros anuais, fronte ao Concello de Pontevedra, que  só ofrecerá dúas liñas e nas que investirá nin 120.000 euros, un 94 % menos que o primeiro municipio.



Ad Code

Responsive Advertisement