viernes

Galicia prosigue en su lucha contra la avispilla del castaño que tanto hace la puñeta

A Consellería do Medio Rural organizou para o día de hoxe unha xornada informativa no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra) sobre as medidas levadas a cabo para combater a avespiña do castiñeiro (Dryocosmus Kuryphilus) e informar así ao sector da situación actual da afectación deste insecto na nosa comunidade.

Así, a xornada céntrase en dous temas principais nos que se está traballando desde a Consellería do Medio Rural: a loita biolóxica con Torymus sinensis, que se está desenvolvendo desde o Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a procura de resistencias e tolerancias nos materiais galegos de castiñeiro e a súa aplicación na mellora xenética, no que se está traballando desde o Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Agacal). Ademais, os asistentes poderán coñecer de primeira man a experiencia italiana na loita biolóxica contra esta praga, pois trátase dun referente europeo que leva máis de 15 anos combatendo a avespiña do castiñeiro.

Desde o 2015, a Consellería do Medio Rural iniciou unha serie de medidas para levar a cabo un control integrado da praga, que se centrou principalmente na loita biolóxica co parasito Torymus sinensis, do cal se veñen facendo unha serie de soltas en diversos puntos da xeografía galega. Neste senso, os resultados do seguimento destas soltas confirman o asentamento deste parasito nos soutos de castiñeiros de Galicia e, polo tanto, confirma que esta medida biolóxica é efectiva na loita contra os danos ocasionados pola avespiña do castiñeiro. Por iso, a Consellería do Medio Rural destinará no ano 2020 preto de 2,2 millóns de euros para reforzar a loita contra este insecto coa solta doutros 1,6 millóns do parasito Torymus sinensis en toda Galicia.


No tocante á busca de resistencias ou tolerancias nos materiais de castiñeiro galegos que poidan aplicarse no seu Programa de Mellora Xenética, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán publicou no 2018 unha primeira clasificación de graos de tolerancia ao ataque da praga das variedades comerciais de castiñeiro e dos híbridos aprobados como materiais forestais de reprodución, algúns deles empregados polo sector como porta-enxertos de variedades e outros tamén como produtores directos de froito.