ARTIGO DO PRESIDENTE DA XUNTA CON MOTIVO DO DÍA DE GALICIA
Galicia, camiño e destino

Nesta altura do século XXI aínda hai cousas por vir pero tamén moitas outras que chegan e chegarán. Pasamos de ser un pobo polo que transcorre a historia, a outro que escribe a historia todos os días con trazo firme. Esa transformación sen precedentes procede da forza inmensa que proporciona en primeiro lugar a liberdade que ven da man da democracia e a autonomía.
Sobre eses dous piares Galicia ergue unha sociedade e unhas institucións plurais, maduras e responsables. Ninguén mellor que os galegos sabe que o menosprezo do sistema democrático e autonómico, está refutado pola nosa propia evolución política e social. Somos a proba elocuente de que autonomía e democracia, as dúas facianas da liberdade dos galegos, son causas directas do benestar e a convivencia. Nin esquecemos aquel país desolado que retrataba o poeta, nin ignoramos que a ferramenta da liberdade nos fai capaces de todo o que nos propoñamos xuntos.
Os poetas son notarios da vida espiritual dun pobo, pero existe tamén un plebiscito no que participan de forma espontánea os peregrinos e visitantes que van celebrar connosco o Día grande de Galicia. Poucas comunidades celebran tan ben acompañadas o seu Santo Patrón, e poucas custodian unha tradición como a xacobea que serve de guía, acougo e inspiración a xentes distintas e distantes que aquí se fan semellantes e próximas.
Entre as moitas aportacións dos galegos ao acerbo común está unha variante do turismo que tamén está vencellado a valores e persoas. En Galicia a xente non é un decorado que o viaxeiro observe sen sentilo. Galicia é unha vivencia, un pórtico formado por homes e mulleres que desexan ofrecer o mellor da súa terra, unha aperta intensa como a que o Apóstolo recibe do peregrino.
Preguntémonos que ven en nós para que o noso lar se teña convertido nun destino predilecto, que descobren na convivencia coa nosa xente, que sentimentos perdidos recuperan durante a súa estancia. Posiblemente vexan en Galicia un país claramente diferenciado, orgulloso de ser diferente pero que non expresa a diferencia con receo cara a ninguén. A singularidade galega non se sinte ameazada senón enriquecida polo contacto cos alleos, igual que sucedeu durante os séculos que permaneceu aberto o Camiño de Santiago. Cada viaxeiro de antano e de hoxe aporta un elemento máis á galeguidade, e leva consigo na maleta ou na mochila un anaco de nós que lle permite dicir que estivo en Galicia e que ademais formou parte dela.
Hai unha maneira galega de ser distintos e un estilo galego de preservar as tradicións, patente na permanente evolución do fenómeno xacobeo. Ser partícipe del non esixe requisitos excluíntes, nin someterse a un canon rigoroso porque a cultura xacobea é respectuosa cos tempos, as orixes e as persoas e tende pontes de espiritualidade entre crentes e escépticos. Xunto a unha devoción relixiosa coexiste outra laica, facendo posible que na gran capital espiritual de Europa que é Compostela se dean a man mulleres e homes que ven en Galicia un norte que non queren perder.
Ese norte existe dende moito tempo atrás e inspirou a persoas de todas as épocas, tamén de épocas convulsas nas que non era doado manter firme a esperanza. Aínda que ningún tempo pasado foi mellor, a España, a Europa e o mundo dos nosos días viven intensos momentos de cambio nos que aparecen novas encrucilladas que en ocasións producen inquedanza, desconcerto e controversia.
Hai algo que simboliza o ideal que unha gran maioría de españois, europeos e cidadáns do mundo anhelan acadar: esa praza do Obradoiro na que desembocan visitantes e peregrinos que se senten parte dun mesmo sentimento. O diverso unido por unha mesma emoción, inspirada pola beleza dunha catedral que expresa a fabulosa capacidade do ser humano para transcender o tempo.

Galicia é o mellor camiño; o mellor destino.
Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia