Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Galicia é a comunidade autónoma na que máis baixou o paro no último ano cunha caída do 8,81%, superando o ritmo de baixada do Estado en 3,64 puntos

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe a boa evolución do paro rexistrado en abril, que baixou na comparativa co mesmo mes de 2018 e tamén con respecto a marzo deste ano. As afiliacións á Seguridade Social e as contratacións tamén aumentaron na evolución anual e mensual. 
Toca, en primeiro lugar, explicou, na visita que realizou á empresa Pauta Música en Santiago, que Galicia é a comunidade autónoma na que máis baixou o paro no último ano cunha caída do 8,81%, superando o ritmo de baixada do Estado en 3,64 puntos. A Comunidade galega conta con 16.065 desempregados menos que hai un ano (44 parados menos ao día), o que sitúa a Galicia en niveis de paro moi inferiores aos de hai 10 anos. Así mesmo, apuntou que a Comunidade galega suma xa seis anos consecutivos de descensos do paro nun mes de abril.
Con respecto ás afiliacións, aumentaron nun 2,14%, o segundo maior incremento nun mes de abril desde o inicio da crise económica. Deste xeito, Galicia sumou no último ano 21.175 afiliacións máis (58 ao día), rexistrando seis anos de subidas consecutivas nun mes de abril. O dato sitúa á comunidade nun nivel superior ao reflectido hai 9 anos. 
A contratación tamén continúa en aumento, mentres que no Estado baixa, e, ademais, o paro baixa nos colectivos prioritarios para a Xunta. O desemprego descende, así, entre os menores de 30 anos (-9,52%), nas mulleres (-7,73%) e nos parados de longa duración         (-14,48%), o que supón que 3 de cada 4 persoas que saíron do paro no último ano pertencían a este colectivo. O paro tamén caeu nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando o descenso a construción   (-19%) e a industria (-9,12%), ambos por riba da media xeral de Galicia (-8,81%), seguidos da agricultura e a pesca (-8,17% e os servizos (-7,31%). 
En canto ás provincias, lidera a caída do paro Lugo (-10,85%), seguida da Coruña (-9,44%), Pontevedra (-8,65%) e Ourense (-5,34%). 

Evolución mensual
Toca engadiu que o paro tamén baixou con respecto ao mes de marzo nun -2,70%, o segundo maior descenso desde o ano 2007. Galicia rexistrou 4.615 persoas menos no paro, preto de 154 persoas menos ao día.  As afiliacións tamén subiron na evolución mensual (+0,62%, é dicir, 6.186 afiliacións, son 206 ao día) e a contratación aumentou nun 11,16%, unha suba de case 8 puntos maior que a rexistrada no Estado. A indefinida incrementouse nun 1,64%, mentres que en España caeu nun -2,69%. Na Comunidade galega, a contratación tamén aumenta a tempo completo nun 12%. 

Estabilidade e confianza
A secretaria xeral de Emprego indicou que a creación de emprego vén marcada pola estabilidade da Comunidade galega, un dato que confirma, segundo Toca, o crecemento sostible e progresivo que vive Galicia. 
Toca sinalou que Galicia está apostando pola formación de calidade adaptada á demanda do tecido produtivo para dar resposta aos novos restos da Industria 4.0. Explicou, así mesmo, que para crear emprego é preciso acompañar ao tecido empresarial e, por iso, lembrou que a Xunta está incentivando a contratación nas empresas a través do programa Galicia Emprega e impulsando a cualificación a través do Plan galego de formación. 
A Administración autonómica, ademais, avoga pola innovación, a internacionalización e o emprendemento. Para Toca, o obxectivo prioritario ten que ser o de dar respostas ao cidadán para incrementar a súa calidade de vida. 
Para rematar, resaltou que a boa evolución do paro se suma aos bos resultados acadados coa última EPA, a mellor dun inicio de ano da última década cunha taxa de paro mellor que a de España en 2,23 puntos e que reflicte que case tres de cada catro asalariados galegos son indefinidos. Lembrou, ademais, que Galicia vén rexistrando récords sucesivos de exportacións; leva catro anos consecutivos medrando na contorna do 3%, crecendo o PIB por habitante a mellor ritmo en Galicia que en España; e conta co maior incremento da produción industrial da última década. 
Visita a Pauta Música

Na visita que a secretaria xeral realizou a Pauta Música, resaltou a aposta da Xunta polo emprendemento sinalando que a Administración autonómica apoia aos autónomos con diversos programas que inclúen axudas para o inicio de actividade, a contratación de persoas indefinidas, a consolidación da súa actividade e con apoios para promover a conciliación. 



Ad Code

Responsive Advertisement