Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

SÉS, Iseo & Dodosound, Hakuna Tanaka, Dubioza Kolektiv, Nius de nit e Som do Galpom súmanse ao cartel do SonRías Baixas

Dubioza Kolektiv, SÉS, Iseo & Dodosound with the Mousehunters, Hakuna Tanaka, Nius de nit e Som do Galpom completan o cartel da XVII edición do SonRías Baixas, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto en Bueu. Tres poderosas voces femininas súmanse, así, ao potente cartel deste ano: o eclecticismo e o compromiso de SÉS, a elegante mestura de reggae, trip hop e r&b de Iseo & Dodosound with the Mousehunters e a explosiva combinación de hip hop e reggae feminista de Hakuna Tanaka. Xunto a elas, a delirante combinación de hip hop, reggae, dub, rock e folclore bosnio dos Dubioza Kolektiv, a rumba entusiasta dos Nius de Nit e mais o rap e funky made in Galiza dos Som do galpom.
Ademais destas seis bandas, a organización do festival xa anunciara previamente a La Pegatina e la M.O.D.A, dous dos grupos da escena alternativa máis destacadas do estado; o hardcore punk de Segismundo Toxicómano e o rock urbano misturado espírito da festa balcánica de Boikot; a xira de despedida de Nao e o regreso rebelde dos Dakidarría; Muyayo Rif, unha das propostas máis vitalistas e sorprendentes da escena catalá; aos valencianos Periferia Norte, capitaneados pola poderosa JazzWoman; á mítica banda bilbaína de pop-rock en euskera Zea Mays e aos valencianos Zoo. 

As entradas para o SonRías Baixas, que este ano máis que nunca programa tres intensas xornadas de música, con bandas de renome de xoves a domingo, están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 39 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.
Patrocinan o festival SonRías Baixas, que na súa pasada edición conquistou a máis de 20.000 persoas e xerou un impacto de 1,14 millóns de euros na comarca do Morrazo, SuperBock, o Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas, a Xunta de Galicia, a través da Agadic e de Fest Galicia, PlayPlan, Coca Cola e Johnnie Walker.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS BANDAS

Se hai algún fenómeno na música galega actual, é SES. Dende o seu primeiro disco en 2011, María Xosé Silvar leva facendo oír a súa voz a cada vez máis xente, en todos os sentidos: compoñendo e interpretando cancións que van do rock á música latina e expresando co seu carisma e honestidade unha visión propia e inconformista do mundo. SES di o que pensa e fai a música que lle peta, sen atender a prexuízos estilísticos ou políticos. Unha mestura ecléctica ben xenuína, na que hai espazo para o rock and roll de raíz blues, pero tamén para a tradición oral galega, a actitude punk e a influencia da música latinoamericana. Precisamente este mes de marzo SES publicou Rabia ao silencio, unha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor, nas que adapta ao galego a figuras que destacaron polo seu compromiso político e humano, como Carlos Puebla, Mercedes Sosa, Víctor Jara ou Zeca Afonso. Ese compromiso déixase ver tamén no discurso de María Xosé Silvar, que nas cancións e nas entrevistas ergue a voz contra a homofobia, o autoodio, o machismo ou as discriminacións, defendendo a diversidade e a solidariedade con claridade. Con esas señas de identidade segue enganchando a un público cada vez máis diverso, que a levou a vender máis de 7.000 copias de Opoñerse á extinción e esgotar as entradas en todos os auditorios galegos. Mesturando esa sinceridade de cantautora co sentir popular do folclore e as músicas de raíz, SES é desas artistas que provocan en quen a escoita unha sensación de intimidade, de cantar de ti a ti. Unha figura clave e máis que necesaria na música galega.

Dentro do gran momento que viven agora mesmo as músicas de influencia xamaicana, Iseo & Dodosound son un dos nomes máis destacados. Non falta no seu son a potencia dos baixos e os ritmos do dub, pero esa influencia fusiónase con elementos de trip hop ou r&b. Coa impresionante voz de Iseo e o engadido en directo da calidez dos ventos de The Mousehunters, a súa proposta consegue romper fronteiras xeográficas e estilísticas, arrasando igual no Viñarock que no Sonorama ou o Rototom Sunsplash. Eles mesmos o din: fan “música para a xente”. A capacidade de Iseo & Dodosound para conquistar públicos tan diversos é unha boa mostra da súa capacidade para romper os tópicos. Un dos elementos que sorprende é como mesturan o son dixital de Dodosound e os instrumentos de vento, pero tamén o xeito no que un grupo tan enérxico é capaz de recrear emocións como a melancolía nos seus temas. A orixe do grupo está en 2013, cando Dodosound, que viña do hip hop, e Iseo, que tocaba cunha guitarra e un looper, quedaron para intercambiar as súas maquetas. Pouco despois estaban xa facendo cancións xuntos e combinando os seus estilos, ata autoeditar o disco Cat Platoon. Ese álbum comezou a darlles a notoriedade da que disfrutan agora, tendo publicado xa Roots in The Air e tocado máis de 160 concertos en menos de dous anos, conectando co público de Brasil, Perú, India, Italia ou Francia. A proxección internacional deste dúo de Pamplona non para de medrar, igual que a inspiración de composicións que seguen facendo desaparecer as fronteiras do dub ou o reggae.

Desde os lugares máis escuros de Babialonia chega Hakuna Tanaka, presentando o seu primeiro traballo, Rap&Riddims, unha explosiva combinación de hip hop e reggae. Unha poderosa voz feminina e feminista que está a causar unha revolución na escena urbana da provincia de Alacante coa súa fusión de hip hop, reggae e unha mensaxe social. Na última tempada actuou xunto a artistas de primeira liña a nivel nacional como SFDK, Juancho Marques, Recycled J, A Furia, Denom ou Alberto Gambino. Tanaka comezou desde moi pequena a escribir as súas rimas e a rapear a capella. Máis tarde, coqueteó co break. E agora céntrase no seu proxecto musical, que este verán presentará no SonRías Baixas. Este 2019 proxéctase como o ano do seu lanzamento a nivel estatal. En agosto Bueu co seu personalísima proposta, baseada nunhas letras militantes e na a fusión de estilos, precisamente o seu principal atractivo e o motivo polo cal reune a un público tan heterogeneo nos seus directos.

Dubioza Kolektiv veñen de Bosnia-Herzegovina e no seu caso a historia do seu pobo déixase escoitar na súa música. Sobreviviron ás guerras dos Balcáns, entre as balas e o medo, compoñendo no seu refuxio subterráneo as letras que acabarían interpretando polo mundo adiante, e que agora poderemos escoitar e bailar no SonRías Baixas. As formas musicais tradicionais de Bosnia son o eixo fundamental do seu son, onde se mesturan con estilos doutras procedencias: nas súas cancións hai tamén reggae, hip hop, dub ou rock. O que non hai, e eles déixano ben claro, é postureo egocéntrico, mulleres floreiro nin moda á última. O seu espírito é máis ben unha explosión de positividade propia da súa experiencia vital, combinando a seriedade do seu activismo contra “a extrema dereita, a xenofobia e o fascismo” cunha sorte de retranca bosnia. E por suposto, con eles tamén se pode montar un pogo. Os seus directos son coñecidos pola maneira na que son quen de interactuar co público, ademais de polas súas particulares coreografías e a súa indumentaria, case sempre combinando o amarelo e o negro. Entre os escenarios que os acolleron están festivais tan importantes como o de Glastonbury ou o South by Southwest de Texas… e, tamén, o SonRías de 2017! Colaboraron ademais con xente como La Pegatina ou Manu Chao, cos que teñen en común unha visión comprometida do mundo e a capacidade de armar unha boa verbena. Dubioza Kolektiv destacan tamén pola súa defensa dun espírito punk ligado á autoxestión e o “faino ti mesmo”: escriben, gravan e producen a súa música, deseñan as portadas e a web, levan as súas propias redes sociais e producen boa parte dos seus vídeos. Ademais, fan sempre accesible a súa música en descarga gratuíta a través da súa web e de The Pirate Bay. Non tes escusa para non botarlles unha escoita!

Un dos grupos emerxentes dentro do panorama musical valenciano, Nius de nit chegará ao SonRías Baixas coas maletas cargadas de ska, rumba, reggae e, sobre todo, de alegría. E é que, sobre o escenario, os seus membros contaxian en cada concerto a felicidade, a enerxía e a festa que caracterizan o grupo, para pasalo xenial co público, bailando e cantando ao ritmo das súas cancións, gozando do espectáculo coa súa mestizaxe mediterránea. Para o 2018, Nius de Nit preparou un directo que mestura as cancións do seu último disco coas cancións máis coñecidas dos dous traballos anteriores, salpicado de detalles que homenaxean aos grupos líderes na música en valenciano como foron Obrint Pas e A Gossa Sorda, entre outros. Un directo divertido, especialmente traballado e coidado, con moitos detalles e no que hai tempo para botar un baile, cantar algunha canción popular e mesmo xogar. Porque a intención principal do grupo é facer que a xente o pase ben, deixando ao público a sensación de vivir unha experiencia musical xenial, diferente, e de gozar dun concerto que, aínda que talvez non saibas moitas das cancións, podes a bailar e a cantar como o que máis.

Som do Galpom é un grupo galego orixinal e heteroxéneo, que mestura funk, rock, rap e reggae nunha proposta musical orgánica, con letras cargadas de mensaxe e de loita social. Este verán traerán a Bueu, directamente dende unha aldea de preto de Compostela, o seu novo e enerxético directo, con temas do que será o seu terceiro disco, Longo camiñar. 
Som do Galpom naceu en decembro de 2005, nunha aldea de Ames. Non seus comezos, gañaron unha chea de concursos para bandas, acadando unha certa notoriedade no país coa súa particular mestura de funki reggae e rap. En dez anos, gravaron dous discos de estudio e percorreron os palcos de media Galicia cunha unha música orgánica que fuxe de arranxos electrónicos e busca o cambio social.
Despois dun pequeno parón e tras acadar o pasado ano o premio Martín Códax na categoría de hip hop e músicas urbanas, este 2019 os irmáns Bassave e a súa banda volven aos escenarios cun novo repertorio e cun son máis rockeiro, influído sen dúbida pola incorporación do guitarrista Guille Vistoso.
Para o grupo, a enerxía que amosan sobre o palco nace do moito que gozan eles os directos, porque “somos cinco colegas que conectamos moi ben e iso transmítese nos concertos”.

As sorpresas nunca faltan cando entra en escena La Pegatina. Pecharon xira cunha gran festa en Madrid e comezan o ano anunciando diversión e baile ata que o corpo aguante para a súa volta ao escenario do SonRías. Até aí poden ler. O grupo catalán máis internacional non se cansa de repartir tolemia alá por onde pasan, cun directo cuxa marca da casa é espectáculo e adrenalina até a éxtase. E o público de Bueu está ansioso por gozar coa contaxiosa alegría dos seus concertos.
Merengue, reggae, rumba, ska, punk xitano... A esencia de La Pegatina mantense, pero o grupo ábrese a novos horizontes sonoros, sempre alternativos, e xoga co country, co folk, corock, cos ritmos latinos ou africanos, cos aires balcánicos. E este cóctel de modernidade, frescura, improvisación, unido ao seu quince anos ao pé do canón e á experiencia acumulada de máis de mil concertos en trinta países, dan como resultado un baile máis heteroxéneo, unha festa máis completa e global. Destacan as bases cargadas de texturas, trompetas, coros, programacións. "Unha radiografía moderna", di Laura Piñero, "vela de lonxe, gústache, pero non logras identificar todos os elementos na súa totalidade. Cando te achegas, recoñeces a esencia de sempre reforzada con novos riffs de guitarras, a mandolina, a trompeta, o acordeón, un amplo abanico de percusións como o xilófono e potentes arranxos de vento". Nas súas novas letras, vemos novas inquedanzas existenciais, feridas como o egoísmo nas relacións de parella, desexos de cambio interior, de contemplar a vida desde a tranquilidade, de volver ás orixes. Necesidades vitais compartidas por toda unha xeración, que quere medrar e que medra, pero que non renuncia a facelo bailando..

A música de La Maravillosa Orquesta Del Alcohol é tan particular, tan especial, que nela teñen cabida todos os estilos e rexistros. Este orixinal septeto burgalés pechou 2018 bailando ao unísono con 12.000 persoas no WiZink de Madrid e empeza 2019 prometendo facer historia do SonRías Baixas co seu directo enerxético e apaixonado, no que non faltarán o blues, o country, o folk, o punk nin o rock and roll.
Festivais, salas, bares e rúas de toda España, de México, de Dublín e de Londres acolleron á Maravillosa Orquesta Del Alcohol na súa frenética carreira cara ao éxito. La M.O.D.A. desprega sobre o escenario un universo único, que con cada nova proposta se volve aínda máis difícil de etiquetar, encaixando sonoridades e instrumentos diversos: clarinete, tuba, vibráfono, saxo barítono, violín trompeta… e, por suposto, todo tipo de guitarras, banjos ou mandolinas, xunto ás percusións tradicionais e contemporáneas.
Recoñecen influencias dispares que van desde The Clash a Springsteen pasando por The Pogues, Dylan, Calexico ou Eskorbuto, Georges Brassens, Silvio Rodriguez ou Mano Negra. Nalgún punto desa frenética carreira, atopan novas influencias na música popular de Francia, de Irlanda e Escocia, do Leste de Europa ou da Península Ibérica, e súmanas á mestura de folk, country, punk e rock and roll da que levan bebendo desde a súa fundación. E envolven, con todo iso, unhas letras plenas de reivindicación e de inconformismo, co resto e cun mesmo. De rabia e de beleza. De medos, pero tamén de soños e esperanza. Unha proposta repleta de paixón que converte cada un dos seus concertos nun acto de liberación persoal e colectiva.

A carreira de Segismundo Toxicómano é a dunha banda fiel á súa esencia sen pecharse a engadir máis matices, pasando dun punk rock de corte máis clásico (con influencias como Cicatriz e Cock Sparrer) a achegarse ao hardcore de NOFX ou Rancid e aumentar a potencia. Con todo, a tradición do rock vasco segue viva nesta banda de Gasteiz que defende o “faino ti mesmo” autoeditando os seus traballos e xunta letras claramente políticas con melodías coreables e, claro, tralla. Nos últimos anos, os Segis foron completando unha serie de EPs recopilados no álbum Trilogía, con cancións que amosan o momento no que se atopan, no que a madurez lles dá sabedoría á hora de compoñer e manteñen a súa lendaria intensidade. Con clásicos como “Por ti” ou “Las drogas”, hoxe son unha das figuras míticas do punk estatal, cun nome que pode figurar ao carón dos de La Polla Records, R.I.P. ou Soziedad Alkoholika. 

Nos últimos tempos, Boikot veñen compartindo o seu novo material a través de videosingles como a citada “Lloraré”, “Jarama” ou “Hablarán las calles”, cancións nas que apuntan a súa tremenda versatilidade: o mesmo se achegan ao folk que introducen elementos rapeados ou mestizaxe. Cales son as constantes nun repertorio tan variado? O espírito punk reivindicativo e a enerxía festiva, que fai que os seus concertos sexan sempre unha experiencia memorable, aquelarres nos que hai espazo para corear retrousos épicos e bailar ata que o corpo aguante. O eclecticismo de Boikot déixase ver na lista de influencias que citan, dende o punk de NOFX ou The Clash ao folk rock de Goran Bregovic ou The Pogues, sen esquecerse de figuras esenciais do Estado como La Polla Records, Leño ou Kortatu, ás que logo de quince discos e xiras por Europa e Latinoamérica poden mirar de ti a ti. Ademais, esta traxectoria levounos a colaborar con xente como Los Chikos del Maíz, Zoo, Amparanoia, Reincidentes ou SKA-P, noutra mostra da súa falta de prexuízos.

A banda catalá Muyayo Rif chega ao SonRías Baixas coa súa singular e elaborada posta en escena a base de ventos, teclado, batería e guitarra. Á enerxía e o groove marca da casa, engádenlle agora novos sons, como o electroswing ou o balkan. E logran, así, renovar un potente directo, onde predomina a enerxía, a festa e a crítica social desde un espírito optimista e festivo. Unha fórmula coa que conseguiron cativar ao público das 500 cidades polas que pasaron nos seus máis de 10 anos de carreira. Muyayo Rif é considerada unha das bandas máis internacionais da escena catalá. Con máis de 500 concertos ás súas costas e despois de facer bailar ao público en salas e grandes festivais de España, Francia, Holanda, Rusia, Bélxica e Suíza volven agora cunha nova xira internacional para amosar o seu explosivo directo.

NAO visitarán o SonRías dentro do Apocalipse NAO Tour, no que preparan un novo espectáculo con nova escenografía e colaboracións no que repasarán toda a súa discografía. Sete álbumes que os asentaron como un referente ideolóxico e musical no rock galego, como proba o público que corea as súas letras nos seus directos. En Ata que o lume se apague, o disco que serve de peche ao traballo da banda da Estrada, engadíronse ademais máis matices ao seu son, introducindo aportacións especiais dende o ámbito do rap (Sondarúa), o pop (Eladio Santos) e mesmo o folk (Tanxugueiras) ou a música de verbena (con Oscar López e Santiago Colmenero, da Charanga Fuego). A maiores, nesta derradeira etapa do grupo seguimos a disfrutar dunha lírica especial, que conxuga o íntimo e o combativo e chama a atención sobre problemáticas como o rexurdir do franquismo ou a violencia machista. 
Nos máis de quince anos de traxectoria de Dakidarría a súa música tenos convertido nun nome esencial da música galega, pero non só iso. Sen abandonar a súa identidade e a súa visión do mundo, estes sete músicos do Val Miñor percorreron xa toda a península, parte de Europa e ata México. E é que ningunha fronteira pode impedir que a xente sinta o subidón de adrenalina que provocan pasando dos ritmos xamaicanos ou latinos a rapear, ou a unha tralla punk que nunca falta. O mesmo levantan un festival que un furancho. Ata poder velos en directo, o mellor exemplo para saber do que son capaces pode ser o seu último EP, Filosofía incendiaria, no que colaboran La Raíz, outros vellos coñecidos do SonRías. Nel o dominio desa fusión heteroxénea de estilos é maior ca nunca, e nas letras seguen a facernos pensar sobre a realidade e darnos a coñecer reivindicacións. Como eles mesmos din, “Lume!”.

A valenciana JazzWoman capitanea o novísimo colectivo de artistas de sensibilidade urbana Periferia Norte, que acaba de ser galardoado como o mellor grupo de música en valenciano no certame Sona la Dipu. O público do SonRías renderase, sen dúbida, á súa particular mestura de estilos -Dancehall, Hip Hop, R & B, Trap, Reggae e Electrónica- amenizada cun enerxético directo no que teñen cabida diferetnes performances, un equipo de baile e animación. Un dos grandes descubrimentos desta edición!
Aos seus 21 anos, a Carmen Aguado Bordería (JazzWoman) xa conquistou o público grazas a unha personalidade digna dunha mixtaper de armas tomar. A ex-integrante de Machete en boca ponse agora á fronte da célula creativa composta por Kran F, Hien, Do Olmo e AGS, un comando de regeneradores dos sons urbanos que na súa mestura de trap, dancehall, reggaetón, R&B e electrónica ferrosa, cultivaron unha lexión de fieis saídos dos mesmos garitos nos que botaron os dentes Pedro LaDroga, Cecilio G ou Yung Beef. Bases obsesivas sostendo fraseos insidiosos esquecidos baixo un banco no medio dun parque cheo de chonis condenados ao trapicheo sobre o capó do coche.

A banda bilbaína Zea Mays conxuga a pétrea tradición vasca coa sutileza do pop-rock contemporáneo, dando corpo a unha proposta musical única, na que finas melodías de guitarra e coidados toques de sintentizador e teclado se mesturan sobre unha potente e elegante base rítmica para arroupar a poderosa voz de Aiora Renteria. Unha front girl de armas tomar, que atrapará ao público do SonRías Baixas coa enerxía e coa sonoridade das letras en euskera. Zea Mays fai bandeira da súa identidade cun último traballo que leva o orgullo, Harro, no nome, para non chamar a enganos. A banda vasca chama a resistir o temporal e saír a flote, a recoñecer a fortaleza que dan o amor e a amizade e a reconciliarese con esa parte da humanidade na que hai tempo que perdemos a fe. E faino con desgarradores riffs e elegantes liñas de guitarra que ceden protagonismo aos sintetizadores, con potentes bases rítmicas que animan a bailar e con melodías escuras que dan paso a cancións emocionantes e luminosas como o hit Negua joan da ta, que leva máis de 4 millóns de reproducións en Youtube.

Os valencianos Zoo celebran o seu 5º aniversario este 2019 e queren facelo gozando todos e cada un dos seus directos como se fora o último. Con ese obxectivo chegarán a Bueu o vindeiro mes de agosto, onde revolucionarán o SonRías Baixas coa súa descarga de enerxía non stop: música electrónica que mestura rap con trombóns e guitarras rockeiras, toques mediterráneos e ritmos festivos para bailar ata que o corpo aguante. Os Zoo arrasaron en 2014 con Estiu, un hit que fala das inxustizas na vida dos máis humildes, da xente de barrio, no contexto dunha historia de amor de verán. Poucas veces un grupo chama tantísimo a atención con tan só unha canción e un videoclip… e encima en valenciano! En catro anos, os de Gandía celebraron máis de 200 concertos en máis de 7 países diferentes, publicaron 28 cancións propias, 8 escenas cotidianas e 18 videoclips orixinais. Hai uns días, lanzaron o cuarto e último tema do seu último proxecto discográfico, o 2k18, e anunciaron que sería o derradeiro. Karrer de L’Amargura (Basque Remix) é unha revisión en clave euskaldún do seu exitoso Carrer de l’amargura, man a man coas percusións e a txalaparta do colectivo de Errenteria Zo-Zongó, a trikitixa de Xabi Arakama e a interpretación libre en euskera de Fermin Muguruza.Tamén cun coidado formato audiovisual, completan 2k18 Robot, Omertà e Cançons d’Ofrena, un tema de corte jazz que conta coa participación de JazzWoman, exintegrante de Machete en Boca que acaba de debutar en solitario coa mixtape Bagheera.


















Ad Code

Responsive Advertisement