Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Novo reto da Xunta : previr os lumes nas proximidades dos núcleos de poboación mediante a xestión da biomasa nas chamadas faixas secundarias

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe de que o Consello da Xunta autorizou a sinatura dunha addenda ao convenio asinado en agosto do ano pasado con Seaga e coa Fegamp para previr os lumes nas proximidades dos núcleos de poboación mediante a xestión da biomasa nas chamadas faixas secundarias.
A addenda aprobada hoxe supón unha optimización desa ferramenta cun dobre obxectivo. Por un lado, conseguir maior implicación dos concellos, que xa é importante con 177 municipios adheridos. E, por outro lado, “transcender nesa colaboración a mera limpeza das faixas secundarias e tentar que sirva tamén para poñer en valor as terras que queden limpas”, sinalou Feijóo.
O presidente da Xunta incidiu en que “a prioridade van seguir sendo as parroquias de alta actividade incendiaria”, pero tamén se porán recursos para contribuír á limpeza de faixas secundarias en aldeas modelo onde, tras a limpeza, haxa un compromiso de desenvolver proxectos agrogandeiros de xeito inmediato. 
O presidente da Xunta destacou o triplo compromiso da Xunta na colaboración cos concellos: o compromiso económico ao destinar 28,7 millóns de euros ata 2022, o que supón case o 80% dos fondos destinados a este fin; o compromiso de facer efectiva a xestión da biomasa a través do traballo efectivo dos técnicos de Seaga, e o compromiso de apoiar aos concellos para determinar as faixas secundarias nos plans municipais de defensa contra os incendios. Feijóo incidiu en que para facilitar estas tarefas se puxo en marcha un visor web específico para os concellos que en 2021 abranguerá todos os municipios de Galicia.
Feijóo lembrou que “a Xunta amosou sempre vontade de cooperación para facilitar o labor dos concellos” e no último ano, en base ao traballo da comisión parlamentaria que se creou para iso, renováronse e reforzáronse os instrumentos existentes para evitar ao máximo posible os incendios. 
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou o carácter pioneiro desta iniciativa, así como a súa continuidade no tempo mediante a instauración de actividade agrogandeira nas franxas próximas ás aldeas, para que non haxa que entrar a limpar todos os anos. Dixo ademais que se fai cumprindo un mandato parlamentario e puxo en valor a colaboración dos concellos, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O titular de Medio Rural explicou os pormenores da addenda ao convenio que se centra, segundo sinalou, en apoiar a xestión administrativa que ten que desenvolver a administración local mediante potentes ferramentas técnicas e informáticas que se poñen á súa disposición. Tamén, permite configurar un sistema público de limpeza das franxas das aldeas, no que os propietarios pagan un prezo fixo e os traballos se fan por parte da empresa pública Seaga. E destacou ademais que se fomenta a implantación nas franxas de actividade agrogandeira que asegure a limpeza de xeito permanente.



Ad Code

Responsive Advertisement