Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Mellora a cousa en Galicia : cada fogar separou no pasado ano case 12 quilos de envases lixeiros e 14 quilos de papel-cartón

Os hábitos dos galegos sobre a reciclaxe de envases domésticos melloran día a día, tal e como demostran os datos do balance definitivo sobre a recollida de envases lixeiros (contedor amarelo) e de papel-cartón (contedor azul) relativos ao ano 2018, do que se conclúe que cada galego separou no pasado ano case 12 quilos de envases lixeiros e 14 quilos de papel-cartón.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, e o director de Xestión local e autonómica de Ecoembes, Ángel Hervella, presentaron os datos definitivos relativos á recollida de envases domésticos de 2018, nos que Galicia reciclou un total de 64.509 toneladas, un 11,5% máis que respecto de 2017, período no que se reciclaron 58.038 toneladas.

A directora xeral de Calidade Ambiental afirmou que -á vista dos datos- o compromiso da sociedade galega coa reciclaxe medra ano a ano e indicou que os datos relativos a 2018 son unha boa mostra do traballo ben feito, xa que cada galego separou 11,7 kg de envases no colector amarelo para a súa posterior reciclaxe, un aumento dun 11,4% sobre a cifra de 2017; ao tempo que a cantidade de envases de papel e cartón tamén experimentou un importante aumento, ao crecer un 9,3% con respecto a 2017, grazas a que se reciclaron 14,1 kg por habitante. 

Cruz Ferreira Costa salientou que o esforzo dos galegos tamén axuda na tarefa de consolidar os envases domésticos como os residuos sólidos urbanos (RSU) máis reciclados e avanzar no obxectivo de mellorar as cifras que establece a Unión Europea para os vindeiros anos. Tamén destacou que este compromiso ten unha clara incidencia positiva no medio ambiente, xa que aforra o uso de novas materias primas e recursos e evita a emisión dun importante número de toneladas de CO2 á atmosfera.

Cruz Ferreira e Ángel Hervella coincidiron en que boa parte do éxito destas cifras débese ao acceso dos cidadáns a infraestruturas nas que depositar este tipo de residuos e que na actualidade, un 99,8% dos galegos ten acceso á recollida de envases. No ano 2018 o  parque de contedores en Galicia incrementouse en máis de 2.300, polo que a rede actual acada os 48.641 contedores amarelos (envases lixeiros) e azuis (papel-cartón).

Por último, a directora xeral indicou que a Xunta quere seguir avanzado nesta liña e acadar unha mellora das cifras. Nese sentido, destacou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Ecoembes mobilizarán un orzamento de case 1,5 millóns de euros para activar o Plan Galicia Recicla, unha iniciativa coa que se persegue mellorar as taxas de reciclaxe deste tipo de residuos. Esta iniciativa recolle diversos programas para mellorar a reciclaxe deste tipo de residuos urbanos, a través da sensibilización e concienciación da sociedade sobre a importancia do coidado do noso entorno, do medio natural e da biodiversidade.

A modo de exemplo, destaca a ampliación ao Camiño Inglés da iniciativa que leva por nome Camiño da Reciclaxe, coa que se busca concienciar aos peregrinos sobre a importancia da recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón e a súa reciclaxe. Explicou que o Xacobeo 2021 é unha cita que mobilizará a un importante número de peregrinos polo que cómpre estar preparados. 

A concienciación e a información é outra unha peza fundamental para acadar unha correcta separación dos residuos, polo que tamén se continuará co desenvolvemento das campañas, como Separar con xeito, que percorre feiras e eventos culturais e gastronómicos e que xa ten recalado en case 650 citas en toda Galicia; Pensa cos pulmóns, que incide na importancia de reciclar para mellorar a calidade do aire e que complementarán as mensaxes   doutras iniciativas como Únete ao reto, dirixidas aos concellos, ou as accións postas en marcha no eido deportivo, co fin de fomentar a recollida selectiva.




Ad Code

Responsive Advertisement