Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

La Xunta actualiza la Lei de Ordenación Farmacéutica para adaptarla a las necesidades actuales de usuarios y profesionales

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello que a Xunta actualizará a actual Lei de ordenación farmacéutica para adaptarse aos múltiples cambios sociais que houbo desde a súa aprobación fai dúas décadas cun dobre obxectivo. Por unha banda recoller as novidades de regulación que se introduciron desde 1999 e, por outra, solucionar de xeito eficaz as necesidades e demandas actuais dos usuarios e profesionais das farmacias.

O presidente da Xunta destacou que o texto contempla a axilización dos concursos públicos para as novas farmacias, a regulación da venda por Internet e a introdución da posibilidade da atención farmacéutica a domicilio.

Feijóo avanzou que a norma introducirá un concurso público previo de traslados ás oficinas vacantes ao que só poderán concorrer os titulares ou cotitulares de farmacias establecidas na Comunidade. Aínda que, tal e como aclarou, posteriormente se convocará outro concurso de traslados que nesta ocasión estará aberto para farmacéuticos que non teñan farmacia propia dentro nin fóra de Galicia nin a transmitisen nos dez anos previos.

Sobre este punto, o titular do Goberno galego subliñou que a norma incorporará a posibilidade de limitar os traslados cando se aprecie que a atención sanitaria pode quedar prexudicada. Feijóo destacou que se busca “garantir a prestación aos usuarios e responder ás expectativas dos profesionais”. 

No que atinxe aos procedementos de autorización de cambio de localización, mantense a excepción de respectar a distancia mínima de 250m nas zonas que contan cunha única farmacia sempre que estea xustificado por razóns de interese xeral.

Así mesmo, e seguindo co ámbito dos concursos, a lei tamén introduce medidas como a posibilidade de que a Administración solicite un aval aos adxudicatarios das farmacias, a elevación de 3 a 15 anos o período mínimo para poder transmitir unha farmacia tras obtela en concurso público e a desaparición da caducidade das autorizacións administrativas cando o titular cumpra os 70 anos.

Ademais, en relación ás boticas anexas, Feijóo indicou que o texto legal ábrese á posibilidade de que para autorizar novas farmacias se prevea instalar unha botica anexa nunha zona de difícil acceso ou onde o peche dunha farmacia deixe sen atención un área determinada.

En canto a venda de medicamentos por Internet, establécese a prohibición da venda de produtos que non sexan propios da canle farmacéutica ou a prohibición de que se leven a cabo actividades comerciais por parte de sociedades mercantís con personalidade xurídica distinta ao titular da farmacia. Tamén a cesión de espazos a terceiras persoas ou a entrega de regalos de cortesía.

Finalmente, unha das novidades máis salientables, dixo, será a posibilidade de que a atención farmacéutica poida comezar a prestarse a domicilio nuns supostos moi excepcionais. Así como a actualización das farmacias dos centros de atención primaria, hospitais e centros de servizos sociais, a renovación dos dereitos do usuario e a incorporación dos seus deberes, a incorporación do réxime de reforma dos locais e da autorización daquelas oficinas onde se incumpran as obrigas de dispensación de medicamentos, a actualización do réxime sancionador e do de incompatibilidades de profesionais e a regulación dos centros de distribución de medicamentos de uso humano, veterinario e de produtos sanitarios. 



Ad Code

Responsive Advertisement