Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

8 de Marzo. Declaración Institucional de la Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia, con motivo do Día Internacional da Muller que se conmemora o día 8 de marzo, quere manifestar o seu firme compromiso en seguir traballando para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva en tódolos ámbitos da nosa sociedade e na loita pola erradicación de todas as formas de violencia sobre a muller.
As estatísticas seguen a revelar unha realidade desigual nas retribucións salariais, na promoción profesional, no acceso a sectores e ámbitos aínda fortemente masculinizados, así como tamén na presenza nas esferas de decisión. E a este escenario contribúe, certamente, a persistencia dos estereotipos de xénero; de aí que sexa preciso traballar en favor dun cambio cultural e de valores que modifique as actitudes. 
A incorporación das mulleres ao mercado laboral, a permanencia no emprego e as súas condicións de traballo aínda están lonxe de producirse en condicións de igualdade. 
Un dos grandes retos para os vindeiros anos é a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar. A desigual repartición das responsabilidades familiares e das tarefas do fogar constitúe un dos principais obstáculos para que a participación, a permanencia e a promoción das mulleres na esfera laboral se produza de forma plena. 
É indubidable que a plena igualdade no ámbito laboral só será posible se existe unha asunción equitativa do traballo doméstico e de coidados no ámbito do fogar. Temos que apostar por un modelo de sociedade corresponsable no que homes e mulleres compartan de maneira equilibrada responsabilidades domésticas e familiares, no marco do necesario cambio cultural en torno aos usos do tempo e de horarios máis racionais.
Na actualidade, a conciliación e a xestión de traballos e de tempos é un problema que debe ser resolto tanto por homes coma por mulleres e debe ser facilitado e impulsado polas distintas administracións. Sen conciliación non hai crecemento sustentable nin social nin económico posible. 

Se un dos camiños que conducen ao emprego de calidade e ao benestar social son as políticas de conciliación, outro non menos importante é o da formación e o coñecemento. Precisamente pola inxusta distribución da responsabilidade da conciliación, moitas mulleres viron e aínda ven dificultada a súa inserción no mercado laboral e tamén as súas posibilidades de formación e desenvolvemento.

Neste sentido, a loita contra a segregación horizontal do mercado de traballo é outro dos retos que é preciso enfrontar: é necesario impulsar a contratación de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados, ao igual que  a segregación vertical do mercado laboral, eses atrancos non visibles que se converten para as mulleres no chamado teito de cristal e que teñen como consecuencia fundamental a maior presenza feminina nos postos de menor responsabilidade e a diminución desa presenza a medida que se ascende na escala xerárquica. 

É fundamental seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, incluíndo os postos de decisión e influencia, á vez que cómpre seguir traballando para derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres en ámbitos como o da ciencia, a cultura ou o mundo do deporte. 

Acadar a Igualdade real e efectiva é unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación. para iso necesítase un consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade para alcanzar os acordos que permitan avanzar chanzo a chanzo ata a igualdade .
O Goberno galego  manifesta a súa adhesión aos obxectivos que dende sempre se teñen perseguido na conmemoración do 8 de marzo e o seu  apoio a todas as persoas que decidan participar nos actos reivindicativos que terán lugar este día contra todas as formas de discriminación, e en defensa da igualdade entre homes e mulleres. 
8 DE MARZO, 365 DÍAS POLA IGUALDADE



Ad Code

Responsive Advertisement