O Museo de Pontevedra e o Arquivo Provincial se suman ás actividades do Día do Libro

O Museo de Pontevedra e o Arquivo Provincial tamén se suman hoxe ás actividades do Día do Libro con cadansúa iniciativa: unha lectura dun relato de Castelao arredor da que facer diversas actividades ‘online’ e a publicación do listado de novas adquisicións por parte da Biblioteca provicial, na que se inclúen diferentes obras de autores do país que poderán ser consultadas presencialmente unha vez remate o estado de alarma.

No caso do Museo, a proposta leva o nome ‘Lendo a Castelao’, e propón a lectura do relato ‘O pai de Migueliño’, pertencente ao segundo libro de Cousas (1929). Ademais de colorerar a ilustración que acompaña ao texto e poder enviala a gabinetedidáctico.museo@depo.es, a equipa educativa propón ás crianzas que fagan a súa propia versión do conto que orixinalmente fai referencia á emigración, e tamén que debuxen outra imaxe de como pintaría hoxe a Migueliño a seu pai: véndoo nun álbum de fotos, nun vídeo na tele, ou nunha foto no móbil.

Pola súa parte, o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico a través da súa web arquivos.depo.gal achega as referencias das últimas novidades incorporadas á biblioteca. Neste caso son 17 obras de autores locais, sendo as máis recentes dúas do autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, ‘Ricardo Carvalho Calero: o anxo da terra’, de Rabuñal  (2020) e‘Carvalho Calero: vida e obra dun ser polifacético’, de Dacosta López; ademais de  ‘Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra: 1936-1966’, de Regueira (20202).
Outros títulos incorporados son ‘O soño crebado: da República á Guerra civil en Vigo e a súa bisbarra’; ‘Estudos sobre o Foro de Pontevedra: 1169’; ‘ Emilia Pardo Bazán: la escritora en Miraflores’; ‘Crónicas de Pontevedra: volumen III’; ‘O humorismo gráfico de Castelao’; ‘ Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos’; ‘Son de Galicia: os coros galegos’; ‘As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade: roseiras e paxariños nas cantigas dun serán’; ‘Olimpia Valencia: ocho décadas de historia desde los ojos de una pionera. Instituto de Estudios Vigueses’; ‘Os exvotos na relixiosidade popular galega: a súa dimensión patrimonia’; ‘Verbas tecidas con encaixes: dicionario histórico, etnográfico e literario do encaixe galego’; ‘ María Vinyals, la mujer del porvenir: siete vidas bajo la sombra de un castillo’; ‘A Casa del Maestro de Pontevedra (1934-1936): Organización Societaria e Depuración do Maxisterio’; e ‘Heichas contar»: contribución ao corpus mitolóxico galego’.





Share: