Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Cancelan a terceira edición do Festival Audiovisual ‘O Museo de Pontevedra en curtametraxes’

A dirección estudou o aprazamento, que non será posible polo cambio de ciclo, categoría, e incluso de centro dalgún alumnado 

Trabállase na posibilidade de poñer en marcha un novo certame extraordinario aberto a toda a cidadanía a finais de ano

O COVID-19 OBRIGA AO MUSEO DE PONTEVEDRA A CANCELAR O III FESTIVAL DE CURTAS AO PRESENTÁRENSE SÓ DÚAS DAS 28 PEZAS PREINSCRITAS 

O Museo de Pontevedra vén de tomar a decisión de cancelar a terceira edición Festival audiovisual infantil e xuvenil ‘O Museo de Pontevedra en curtametraxes’ debido a que, coa ausencia de actividade presencial nos centros escolares polo COVID-19, só se presentaron dous traballos dos 28 preinscritos. A intención é estudar as posibilidades de poñer en marcha un novo certame de carácter extraordinario aberto a toda a cidadanía a finais de ano para así dar saída aos 8.000 euros reservados en premios.
Segundo explica o director José Manuel Rey, dende un primeiro momento, e vendo que apenas había quorum para seguir adiante, consultouse cos grupos preinscritos se tiñan pensado presentar algún traballo en plazo (ata o 23 de abril). A meirande parte confirmou que non había posibilidade de entrega, xa que a anulación da actividade presencial nos centros pola crise do coronavirus deu ao traste co traballo en grupo. 
Ante esta situación, co obxectivo de non cancelar, barallouse incluso o aprazamento do festival, mais finalmente esta opción non foi adiante xa que se confirmou que parte do alumnado participante ía cambiar de ciclo e polo tanto de categoría no concurso, e outra parte incluso cambiaba o seu centro educativo, polo que se invalidaría tamén a súa participación coas pezas candidatas tal e como estaban inscritas.
Ante esta situación, e como desagravio e recoñecemento ao labor realizado polos grupos que xa tiñan feitos e presentados os seus traballos -que non terán saída nin no certame cancelado nin noutro ámbito ao seren moi específicos-, o Museo plantexou a posibilidade de darlles visibilidade a través das redes sociais da institución de maneira totalmente voluntaria.
Nestes momentos estase a estudar a posibilidade de convocar un novo festival totalmente novo e extraordinario de cara a final de ano aberto a toda a cidadanía. Deste xeito, daríase saída aos 8.000 euros reservados para os premios. A equipa educativa e a dirección do Museo valorarán tanto a tipoloxía máis acaída para o concurso, así como as súas bases, xa que o primeiro trimeste do vindeiro curso estará moi cargado de contidos lectivos para o alumnado.
Hai que lembrar que o no certame do Museo podía participar alumnado dende 5º de Primaria ata Bacharelato, graos medios ou FP básica, tanto a nivel individual como en grupo, divididos en catro categorías: infantil, para alumnado que curse 5º e 6º de Primaria; benxamín, para alumnado que curse 1º e 2º da ESO; alevín: para alumnado que curse 3º e 4º da ESO; e cadete, para alumnado de Bacharelato, graos medios,e Formación Profesional Básica.

As curtametraxes debían ter como obxectivo resaltar o patrimonio cultural exposto no Sexto Edificio, edificio Sarmiento e Ruínas de San Domingos, ou a exposición ‘Galaicos, un pobo entre dous mundos’ dende a visión particular da infancia e a xuventude. Tiñan que estar en galego e podían realizarse con cámaras, videocámaras, tabletas ou teléfono móbil. Cada participante ou grupo só podía presentar unha curta e os centros de ensino só dúas curtametraxes por cada categoría.



Ad Code

Responsive Advertisement