Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Feijóo recuerda expresamente a ministras y ministros que Galicia también existe

O titular da Xunta remitiu esta semana unha carta 
coas demandas de Galicia aos titulares das carteiras do novo Goberno central. 

FEIJÓO OFRECE AOS MINISTROS DIÁLOGO E COOPERACIÓN 
LEAL E PÍDELLES QUE CUMPRAN COA AXENDA GALEGA 
Traslada á ministra de Facenda que seguen sen resolverse a mensualidade pendente do IVE, así como as cantidades que corresponderían a Galicia como Comunidade cumpridora coas normas de estabilidade orzamentaria ///Incide na preocupación por non dispoñer aínda dun calendario certo para a finalización das obras do AVE, “tras anos de retrasos acumulados”, e pide poder concretar a aprobación da transferencia da AP-9 ///Solicita unha transición enerxética xusta “que non supoña consecuencias irreparables” para o desenvolvemento de determinadas comarcas e lembra a urxencia na aprobación definitiva do estatuto para empresas electrointensivas /// Remarca a urxencia de que o Ministerio de Sanidade aborde medidas que permitan atender as necesidades máis inmediatas de persoal en especialidades, cuxa cobertura está xerando dificultades, como é o caso de pediatría ou medicina de familia ///
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceu aos ministros do novo Goberno central diálogo e cooperación leal, e pediulles que cumpran coa Axenda galega.
Fíxoo a través de 22 cartas –unha por ministro-, enviadas esta semana, nas que expresou o desexo de que, como vén ocorrendo con gobernos anteriores, poida manterse unha liña de diálogo permanente da Xunta de Galicia con cada Ministerio, “para que, desde a colaboración leal, poidan construírse proxectos conxuntos en favor da cidadanía”.
Deste xeito, en cada unha das misivas incidiu en que o novo Executivo central “deberá dar resposta desde o compromiso coa recuperación económica, o sostemento dos servizos públicos e, en xeral, a mellora da calidade de vida de todos os españois”.

O titular do Goberno galego tamén lembrou que desde Galicia, e de maneira moi especial nos últimos anos, vimos traballando sobre a base da lealdade e o cumprimento dos obxectivos de gasto público pactados no Consello de Política Fiscal e Financeira, “sen acudir á axuda do Goberno de España para pagar as nosas facturas e sempre desde o respecto ao marco normativo establecido pola Constitución e o Estatuto de Autonomía”, aseverou.

“Confiamos en que esta lealdade e respecto sexan tamén os principios de actuación nesta etapa do Goberno de España nas súas relacións coas Comunidades Autónomas”, remarcou Feijóo a todos os titulares.

Financiamento, AVE e industria
Neste sentido, o presidente da Xunta trasladoulle á ministra de Facenda que, unha vez recibidos os fondos derivados dos pagos a conta nos últimos días do pasado ano, seguen sen resolverse as cuestións plantexadas por Galicia e o resto das Comunidades Autónomas respecto á mensualidade pendente do IVE.
Así mesmo, demandoulle as cantidades que nos corresponderían como Comunidade cumpridora coas normas de estabilidade orzamentaria. En total, ambos conceptos -mensualidade de IVE de 2017 e incentivos polo cumprimento das regras fiscais- supoñen, de acordo aos cálculos da Xunta, uns 370 millóns de euros que o Goberno aínda non transferiu a Galicia.

No que atinxe ás competencias do ministro de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Feijóo incidiu na preocupación por non dispoñer aínda dun calendario certo para a finalización das obras do AVE, “tras anos de retrasos acumulados”.
Ademais, pediulle poder concretar a aprobación da transferencia da AP-9, a supresión da peaxe entre Vigo e Redondela, a rebaixa de peaxes na devandita autoestrada e na AP-53, así como a finalización das autovías pendentes.

Por outra banda, o titular do Executivo autonómico amosou a súa inquietude polo mantemento dos 5.000 empregos ligados a determinadas actividades industriais, cuestión que abordou nas cartas enviadas á ministra de Transición Ecolóxica e á de Industria. Á primeira solicitoulle unha transición enerxética xusta “que non supoña consecuencias irreparables” para o desenvolvemento de determinadas comarcas como Ferrolterra e As Pontes (Endesa) ou a Mariña lucense (Alcoa); mentres, á responsable de Industria lembroulle a urxencia na aprobación definitiva do estatuto para empresas electrointensivas.
“É máis necesario que nunca facer un esforzo por lograr medidas que non sexan só cosméticas e permitan lograr unha estabilidade a estas empresas no medio e longo prazo”, subliñou.
No eido da industria, e neste caso á ministra de Defensa, Feijóo recordoulle a importancia que desde Galicia lle concedemos á falta de carga de traballo de Navantia na ría de Ferrol ata que se inicien as fragatas F-110 para a Armada española, asunto que “debería situarse entre as prioridades do Goberno”.

Reforzo dos servizos de benestar
O presidente da Xunta, por outra parte, remarcou na misiva ao titular de Sanidade a urxencia de que o Ministerio aborde medidas que permitan atender as necesidades máis inmediatas de persoal en determinadas especialidades, cuxa cobertura está xerando dificultades, como é o caso de pediatría ou medicina de familia.

E así mesmo, comunicoulle a importancia de elaborar plans de actuación a máis longo prazo que teñan en conta escenarios futuros con problemas crecentes derivados do envellecemento e a cronicidade, algo do que tamén alertou á responsable do Reto Demográfico —tamén no referido ao impulso real de medidas que teñan que ver co despoboamento ou a conciliación—.

Nesta liña, trasladoulle ao vicepresidente de Dereitos Sociais e Axenda 2030 a necesidade de que, na atención á dependencia, a Administración Xeral e as Comunidades participen de maneira equilibrada no sostemento do sistema, “algo que non se conseguiu nos últimos tempos e que agravou a carga que soportan as Administracións autonómicas para ofrecer uns servizos de calidade”. Na actualidade o reparto dista moito de ser a partes iguais, pois o Goberno central financia o 25% mentres que a Xunta asume o 75% da factura total da dependencia.

Mentres, ao responsable de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Feijóo pediulle abordar conxuntamente as medidas de apoio ás persoas con dificultades, ademais do referido ao sostemento e viabilidade futura do sistema de pensións.

Así mesmo, expresoulle á ministra de Traballo e Economía Social a súa confianza en que poida desenvolver o seu labor “guiada polo espírito de colaboración con todas as administracións e o necesario consenso cos axentes sociais”.

Colaboración en política comunitaria
En materia de política comunitaria, o presidente da Xunta salientou na carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación o innegable papel que as súas competencias teñen no tecido produtivo galego. Por iso, espera poder manter unha liña de diálogo permanente para seguir construíndo proxectos conxuntos en favor do noso sector primario, unha colaboración que xa se comprobou recentemente na negociación das cotas de pesca na Unión Europea.

Nesta liña de traballo conxunto no exterior, trasladoulle á ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación o desexo de poder ampliar os mercados das empresas galegas e poder captar inversións foráneas que contribúan á creación de riqueza e emprego.
Para o mantemento da evolución positiva da nosa economía, tamén será necesario seguir colaborando para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías ao tecido produtivo —ao igual que á totalidade da poboación—, tal e como explicou na carta á titular de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
Igualmente, ao ministro de Ciencia, solicitoulle colaboración no impulso da innovación no tecido produtivo e a consecuente mellora da competitividade no mesmo.

Pacto pola Educación
Por outra banda, o titular do Goberno galego reiteroulle á ministra de Educación que “é máis necesario que nunca traballar de maneira conxunta no logro dun pacto pola Educación”, no marco dun sistema educativo de calidade “que contribúa ao fomento da igualdade de oportunidades entre todos os españois”.
Tamén no eido do ensino, neste caso ao ministro de Universidades, manifestoulle a importancia de configurar un sistema universitario de calidade, capaz de trasladar o seu coñecemento á sociedade na que vive, para a súa mellora permanente.

Xacobeo 2021
O Xacobeo 2021 tamén formou parte das demandas do presidente da Xunta, tanto á titular de Turismo como ao de Cultura. A este último, “tanto no referido a accións de promoción cultural como ás de coidado e conservación do patrimonio histórico-artístico vinculado aos Camiños de Santiago”.
No que respecta ás peticións ao ministro do Interior, insistiu na materialización da nova comisaría de Policía de Lugo e na dotación de medios persoais ao servizo da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita a Galicia. Mentres, ao titular de Xustiza solicitoulle colaborar na mellora de medios materiais e humanos dos servizos xudiciais.
Ademais, na carta á ministra de Política Territorial, Feijóo ratificou o compromiso da Xunta: “Desde Galicia estamos dispostos a seguir traballando lealmente pola igualdade de todos os españois no marco do respecto ao estado autonómico que temos configurado sen que existan privilexios en función do territorio”. Á súa vez, lembrou a existencia dun mandato unánime do Parlamento que pide impulsar o proceso de transferencias pendentes.
O titular do Goberno galego tamén remitiu as demandas de Galicia á Vicepresidenta primeira e ministra da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática; á ministra de Igualdade; e ao ministro de Consumo, aos que lles ofreceu diálogo nas súas respectivas competencias; e ao presidente do Goberno, ao que xa a pasada semana transmitiu a súa felicitación e o desexo de que a lexislatura que comeza poida ser de utilidade para afrontar os retos que ten por diante o noso país.




Ad Code

Responsive Advertisement