2 de maio, en Vigo : un réquiem para Juana de Arco, a gran doncela de Francia

I 'Missa Ioanna Arcensis’ é un réquiem composto e
dirixido por Brais González e interpretado por un ensemble de 12 músicos
formado por profesores, alumnos e exalumnos do CSM Vigo que será simultáneo a
proxección do filme La Pasión de Juana de Arco

I O evento terá lugar o 2 de maio en Vigo, no Auditorio
Martín Códax ás 20:00 e é parte conxunta tanto da programación do Primavera do
Cine coma do Festival Nas Ondas, levado a cabo polo Conservatorio Superior de
Música de Vigo

I O Festival Primavera do Cine, no seu afán de impulsar
actividades cinematográficas de nivel, colaborará co CSM de Vigo para que a
cidade poida gozar da sétima arte en todas as súas facetas

O Festival Primavera do Cine e o Conservatorio Superior de Música de Vigo unen esforzos
para promocionar unha das actividades máis espectaculares que combinan a proxección dun dos filmes máis representativos do cine mudo coa música en directo.

Así, o día 2 de maio, poderase desfrutar dun dos grandes fitos clásicos do
cinema: La Pasión de Juana de Arco, a obra mestra de Carl Theodor Dreyer. Nesta ocasión, a banda sonora será 'Missa Ioanna Arcensis', un réquiem composto por Brais González (un dos integrantes de Caspervek) e quen tamén será o encargado de dirixilo. Ademais, a interpretación correrá a cargo dun ensemble de 12 músicos formado por profesores, alumnos e exalumnos do CMS de Vigo e contará
coa colaboración do Coro de Cámara Rías Baixas, dirixido por Bruno Díaz.

A estrea terá lugar o 2 de maio ás 20.00 no Auditorio Martin Códax de Vigo. Os seguintes
pases serán unha versión para piano e coro mixto que se representarán o 4 de maio en Vigo, o 10 de maio en Monforte de Lemos (Lugo) e o 2 de xuño en Redondela.

Sen dúbida, os asistentes ao acto non so gozarán dunha das pezas fundamentais da sétima arte, senón tamén dunha experiencia única a través dun concerto que conseguirá elevar aínda máis todas as emocións que esperta o filme.

LA PASIÓN DE JUANA DE ARCO, DE CARL
THEODOR DREYER
La Pasión de Juana de Arco é un filme mudo estreado en 1928 e dirixido por Carl Theodor Dreyer, considerado un dos pais da linguaxe cinematográfica contemporánea. A obra converteuse en
histórica por varias razóns. A primeira, porque ningún personaxe leva maquillaxe, algo impensable ata ese momento, sobre todo nas obras mudas. A segunda, porque practicamente todas as escenas están rodadas en primeiros ou primerísimos planos e, de feito, será a partir de aquí cando se comece a dar un maior protagonismo a este tipo de encadres para remarcar as emocións do que acontece na pantalla.
En definitiva, La Pasión de Juana de Arco é un filme que marcou un antes e un despois na forma de facer cine e agora, Vigo poderá gozar dunha das xoias do sétimo arte ao mesmo tempo que
desfruta en directo dunha banda sonora única grazas a Brais González, á Orquesta 430 e a un coro.

O FESTIVAL PRIMAVERA DO CINE
O Festival Primavera do Cine, que comezará coas súas actividades o próximo 22 de abril e que se estenderá ata o 5 de maio, ten un obxectivo principal: levar o cinema por todo Vigo. Por iso, este ano a organización acadou un acordo co CMSVigo co que unir esforzos e apoiar ao Festival Nas Ondas e un dos seus actos máis esperados: La Pasión de Juana de Arco, que nesta ocasión terá unha banda sonora moi especial, feita por grandes músicos vigueses.


Copyright © RÍAS BAIXAS TRIBUNA. Designed by OddThemes