Nova antoloxía de poesía galega: iniciativa xurdida para arrincar algúns dos marcos que marcan os límites entre Galicia e Portugal

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe pola mañá á presentación da nova antoloxía de poesía galega Arrincando marcos 2019, que sae do prelo co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco da iniciativa do mesmo nome que busca dar a coñecer a poesía da Galicia actual en Portugal como medio de superar as barreiras que nos separan deste país.
García Gómez quixo “reiterar” a disposición do departamento que dirixe “a divulgar dentro e fóra dos límites de Galicia a literatura de altísima calidade que se está facendo agora mesmo en galego e mais a fomentar iniciativas culturais que contribúan a achegar dous pobos irmáns pola lingua que, en moitos momentos, semellaron vivir de costas un ao outro”. O editor Paco Macías, de Positivas, acompañou na presentación ao secretario xeral de Política Lingüística.

8 poetas para arrincar marcos en 2019
Eduardo Estévez, Paula Carballeira, Quico, Raúl Gómez Pato, Roi Vidal, Rosalía Fernández Rial, Suso Díaz e Xabier Xil Xardón son os oito poetas representados na antoloxía de poesía actual galega Arrincando marcos 2019, que Edicións Positivas publica co nome dunha iniciativa xurdida para arrincar algúns dos marcos que marcan os límites entre Galicia e Portugal impedindo que a poesía, a cultura e a vida flúan en liberdade e por riba das fronteiras políticas. Os oito estarán o vindeiro sábado 30 de marzo na Livraria Poetria da cidade portuguesa do Porto para leren os seus textos e dalos a coñecer máis alá da Raia no que o propio editor cualificou como “desembarco da poesía galega no Porto”.

No libro, os textos de cada un dos oito autores van precedidos dunhas breves notas biobibliográficas e dunha autopoética que permiten situar a cada escritor e ir tecendo o panorama da poesía galega máis recente.





Copyright © RÍAS BAIXAS TRIBUNA. Designed by OddThemes