Galicia pechou o ano 2018 sendo a comunidade autónoma que paga máis rápido as súas facturas

Galicia pechou o ano 2018 sendo a comunidade autónoma que paga máis rápido as súas facturas, xa que acadou no mes de decembro un período medio de pago de 16,9 días, o máis baixo de toda España segundo os datos oficiais publicados hoxe polo Ministerio de Facenda.
Deste xeito, o período medio de pago de Galicia mantívose 13 días por debaixo do límite que establece a normativa estatal, que é de 30 días. Ademais, a media autonómica situouse en 30,05 días, 13 máis que a media rexistrada na Comunidade galega. 
Os datos oficiais do Ministerio de Facenda inclúen desde o mes de abril unha nova metodoloxía de cálculo do período medio de pago a provedores que se aplica a todas as autonomías. Pese a este cambio, Galicia leva dez meses consecutivos sendo a comunidade que paga con máis axilidade as facturas aos seus provedores.
En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 0,29%, a terceira máis baixa de toda España e inferior á media autonómica, que foi do 0,41%. Ao peche do exercicio a débeda comercial do conxunto das comunidades autónomas situouse en 4.926 millóns de euros, 182,3 millóns de Galicia.

Os datos do Ministerio de Facenda ratifican que Galicia é a comunidade autónoma que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega. 



Copyright © RÍAS BAIXAS TRIBUNA. Designed by OddThemes